Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo adxudicará obras...

DESBLOQUEADAS NOVAS LICITACIÓNS POR MÁIS DE 800.000 EUROS

O Concello de Carballo adxudicará obras por 435.000 euros na primeira Xunta de Goberno Local do estado de alarma

A xuntanza celebrarase de maneira telemática, un sistema que poderá estenderse ás comisións informativas e aos plenos mentres dure a crise sanitaria

Venres 8 de maio do 2020 Carballo ao día

Lavadoiro do Piñeiro (Entrecruces)

Lavadoiro do Piñeiro (Entrecruces)

O vindeiro luns 11, coincidindo co inicio da Fase 1 do Plan de transición cara unha nova normalidade, celebrarase a primeira Xunta de Goberno Local dende a declaración do estado de alarma. A convocatoria, que pode descargarse máis abaixo, vai precedida nesta ocasión por unha resolución na que se establece que, dada a crise sanitaria provocada polo coronavirus, a sesión celebrarase de maneira telemática, un sistema que se estenderá ás comisións informativas e aos plenos a partir deste mesmo mes.

Na convocatoria figuran, entre outros asuntos, adxudicacións de obras por un total de 435.482,57 euros:

  • Mellora da accesibilidade peonil na contorna do barrio da Milagrosa e na rúa Vázquez de Parga: 182.336 euros.
  • Rede de saneamento nos lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar (parroquia de Artes): 199.884,67 euros.
  • Reforma e adecuación do espazo do lavadoiro público do Piñeiro (parroquia de Entrecruces): 53.261,90 euros.

Ademais, a Xunta de Goberno Local iniciará o procedemento de contratación do subministro e a conexión de puntos de luz dos denominados “de tanto alzado” a cadros de nova instalación no alumeado público das parroquias de Carballo, Bértoa, Sísamo, Noicela, Razo, Sofán, Aldemunde, Vilela e Xoane, co obxectivo é incorporar estes puntos de luz ao sistema municipal de alumeado, cambiando as vellas luminarias de vapor de sodio por lámpadas tipo led, máis eficientes, o que permitirá mellorar o servizo e abaratar a factura.

Novas licitacións

Por outra banda, o Concello de Carballo retoma varias licitacións pendentes tras o levantamento da suspensión dos prazos administrativos de contratación por mor da crise sanitaria. Deste xeito, xa están publicadas no perfil do contratante as seguintes obras, que teñen aberto ata o 2 de xuño o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertase que suporán un investimento de máis de 800.000 euros:

  • Redes de saneamento nos lugares de Betrís e Ribeira (parroquia de Rus): 96.609,75 euros.
  • Reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia: 250.770,83 euros.
  • Mellora da capa de rodadura con aglomerado na vía de Xoane a O Piñeiro (parroquia de Goiáns): 100.473,33 euros
  • Conservación e mellora de pavimentos con cemento na zona da igrexa de Santa María de Rus, na pista do centro social e a escola de Artes e no campo da festa de Oza: 315.474,89 euros.

Descargas

Compartir: