A Xunta de Goberno Local reactiva as obras públicas na súa primeira sesión tras a declaración do estado de alarma
Adxudicados os proxectos de mellora da accesibilidade en varias vías urbanas, saneamento en varios lugares da parroquia de Artes e acondicionamento dun lavadoiro de Entrecruces
Luns 11 de maio do 2020 Carballo ao día
Recreación do proxecto do lavadoiro de Entrecruces
A Xunta de Goberno Local aproveitou a primeira sesión tras a declaración do estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus para reactivar a obra pública. Así, na xuntanza celebrada a última hora da mañá foron adxudicados os proxectos de mellora de accesibilidade en varias vías urbanas, saneamento en varios lugares da parroquia de Artes e acondicionamento dun lavadoiro en Entrecruces. En total, máis de 400.000 euros.
- Mellora da accesibilidade peonil na contorna do barrio da Milagrosa e na rúa Vázquez de Parga. A obra foi adxudicada á empresa Vázquez y Reino S.L. por 153.065,00 euros e cun prazo de garantía de 5 anos. A actuación consiste na eliminación de barreiras arquitectónicas e a realización de actuacións de mellora da mobilidade nun total de 41 interseccións e zonas peonís das rúas Vázquez de Parga, Luis Calvo, Pan, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Río Anllóns, Río Miño e avenida de Fisterra.
- Rede de saneamento nos lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar (parroquia de Artes). Adxudicada a Vázquez y Reino por 196.400,00 euros e cun prazo de execución de 4 meses a partir da sinatura do contrato. O proxecto está dividido en tres treitos: Altiboa a Vilar de Francos, de Vilarvello a Vilar de Francos, e O Alto-Vilanova-Baltar. En total prestarase servizo a 25 vivendas.
- Reforma e adecuación do espazo do lavadoiro público do Piñeiro (parroquia de Entrecruces). A obra correrá a cargo da mesma empresa, cun orzamento de 46.827 euros e un prazo de execución de tres meses. O obxectivo da actuación é demoler boa parte dos elementos existentes para crear un novo espazo público con muros e pavimento de pedra, rampla para garantir a accesibilidade, lavadoiro e varandas. As canalizacións de auga potable serán substituídas e soterradas e construirase unha presa no regato para o abastecemento do lavadoiro. E tamén se limpará e restaurará a fonte.
A Xunta de Goberno Local adxudicou ademais o servizo de seguridade e vixilancia da Unidade de Condutas Adictivas (UCA) á empresa Segursystem Europa S.L. por un prazo de 4 anos e un custe total de 141.706,73 euros. A maiores do servizo incluído no prego, a firma adxudicataria ofrecerá, sen custe para o Concello, melloras como botón de pánico con dispositivos móbiles, paleta de detección de metais, chaleco anticortes, vixilancia de reforzo e 300 horas adicionais ao ano.
Na sesión de hoxe tamén se puxo en marcha o procedemento de contratación do subministro e a conexión de puntos de luz dos denominados “de tanto alzado” a cadros de nova instalación no alumeado público das parroquias de Carballo, Bértoa, Sísamo, Noicela, Razo, Sofán, Aldemunde, Vilela e Xoane, co obxectivo é incorporar estes puntos de luz ao sistema municipal de alumeado, cambiando as vellas luminarias de vapor de sodio por lámpadas tipo led, máis eficientes, o que permitirá mellorar o servizo e abaratar a factura.
O goberno municipal, que se reuniu telematicamente, aprobou ademais facturas por importe de 78.283,37 euros, devolución de avais e, fóra da orde do día, o programa cultural do Día das Letras Galegas.