Inicio Carballo ao día Hemeroteca Este ano celebramos o Día das Letras...

CONECTA COA NOSA CANLE DE YOUTUBE OU COAS PÁXINAS DE FACEBOOK DE CULTURA CARBALLO E CONCELLO DE CARBALLO

Este ano celebramos o Día das Letras Galegas cun novo formato de cultura dixital e #desdeamiñacasiñameular

O domingo 17 convidámoste a participar na gran festa das letras con Lupe Blanco, a Banda Municipal de Gaitas, a Banda de Música do CMUS e Galeatro

Xoves 14 de maio do 2020 Cultura

Este ano celebramos o Día das Letras Galegas #desdeamiñacasiñameu lar, cun novo formato de cultura dixital que che permitirá ser espectador/a pero tamén interaccionar sen moverte do salón, do dormitorio ou da cociña. Neste 17 de maio, dende a Concellaría de Cultura “trasladamos” a programación dende a Praza do Concello ata a Rede para que en calquera recuncho do teu fogar poidas explorar outro xeito de vivir as letras a través de diferentes propostas culturais “made in” Carballo.

Este domingo engánchate ás nosas redes! A partir das 12.00, a través da nosa canle de YouTube ou das páxinas de Facebook de Cultura Carballo e Concello de Carballo desfrutaremos dunha hora de entretemento, música, teatro e humor coa participación da regueifeira Lupe Blanco, das insubstituíbles Banda Municipal de Gaitas e Banda de Música do Conservatorio, e, este ano, tamén, da compañía de teatro Galeatro, ademais das colaboracións especiais de Vagalume Animación e Rosalía Fernández Rial. Como podes comprobar, un elenco moi carballés para unha datas máis importantes da cultura galega.

Como data sinalada que é, o domingo 17 estaremos de estrea. Galeatro, a única compañía de teatro profesional de Carballo, ofreceranos en directo e #dendeasúacasiña o espectáculo “Brincando coas letras”, unha proposta de cultura dixital preparada para a ocasión e na que conflúen o interese da compañía por explorar novos formatos artísticos e a aposta da Concellaría de Cultura por fomentar unha cultura dixital de calidade.

“Brincando coas letras” é unha proposta de Alba Bermúdez e Toné Martínez que ten como protagonista a Xan, o participante nun concurso que probablemente necesite a axuda do público para acadar o premio final. Bótaslle unha man? Conéctate ás nosas redes o domingo 17 e celebra o Día das Letras Galegas con Xan e con Galeatro.

Deste xeito, ademais, e fronte ás limitacións de aforo que existen nestes momentos para a celebración de espectáculos culturais, tanto ao aire libre coma en espazos pechados, este ano utilizaremos o “auditorio” máis grande do planeta: Internet. A través da canle de YouTube do Concello de Carballo e das páxinas de Facebook de Cultura Carballo e Concello de Carballo asistiremos, en directo, a un espectáculo para todos os públicos feito dende Carballo para o mundo.

E se tes unha conta en Instagram, aínda estás a tempo de participar no concurso audiovisual #desdeamiñacasiñameular. Envíanos un vídeo lendo un texto de calquera dos autores e as autoras homenaxead@s, ou, se o prefires, unha fotografía, debuxo ou ilustración alusiva ao día grande das nosas letras. Utiliza o hashtag #desdeamiñacasiñameular e etiqueta @carballomola. Se non te atreves ti só ou soa, convence á túa familia e sube un vídeo ou foto de grupo. Temos moitos premios!

Aquí abaixo contámosche como participar.

Vídeos

Compartir: