Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Escola Municipal de Hostalaría xa ofrece...

A Escola Municipal de Hostalaría xa ofrece 82 menús diarios a persoas en situación de vulnerabilidade

As familias que precisen acudir á cociña solidaria poden poñerse en contacto co departamento de servizos sociais no 981 704 706

Venres 15 de maio do 2020 Carballo ao día

Preparando os ingredientes para a fabada

Preparando os ingredientes para a fabada

Mascarillas, luvas e desinfectante figuran, nesta nova etapa, entre os utensilios diarios do alumnado da Escola Municipal de Hostalaría, que dende hai xa tres semanas acoden por quendas ás instalacións do Fórum Carballo para cociñar para as familias máis vulnerables do noso concello. Comezaron elaborando 202 menús á semana pero xa están facendo 328, 82 ao día de martes a venres.

O comedor solidario implica a todo o alumnado da Escola Municipal de Hostalaría, que de forma voluntaria participa nesta experiencia. “Estamos contentos de poder axudar, e ao mesmo tempo aprendemos a cociñar para moita xente”, explican.

Preparar tantos menús ao día non só require moito traballo na cociña, senón tamén previamente, para deseñar pratos de elaboración accesible para o alumnado e, sobre todo, fáciles de repartir, envasar e quentar para consumir. Esta semana, por exemplo, houbo caldo, croquetas, fabada, peixe guisado... “Nós guiámolos un pouquiño, pero intentamos que fagan todo os alumnos”, sinala o profesor de cociña José Manuel Martínez. Ademais, para as persoas con intolerancias prepárase unha dieta específica.

A cociña solidaria é un proxecto dinámico e aberto a todas as familias que, por calquera circunstancia, poidan precisar un servizo deste tipo. Simplemente hai que poñerse en contacto cos servizos sociais municipais no 981 704 706 para realizar a avaliación das necesidades. O obxectivo do Concello de Carballo é chegar a todas as persoas que o precisen. “A xente está moi, moi agradecida”, asegura José Manuel Martínez.

A maiores participan usuarios/as das asociacións Aspaber e Apem, aínda que nestes casos son as entidades as que se desprazan ata o Fórum a diario para recoller a comida e levárllela aos seus domicilios.

Compartir: