A rede de sendas peonís e ciclistas continúa a estenderse polo territorio municipal
Previstas para hoxe as obras de aglomerado que poñen fin á instalación de servizos na zona da Revolta para o futuro itinerario Carballo-Coristanco
Mércores 20 de maio do 2020 Carballo ao día
Un dos treitos da estrada AC-552 que será pavimentado
Hai quen fala xa do “urbanismo do desconfinamento”, no que as beirarrúas son máis anchas e hai máis carrís bici co obxectivo de garantir a distancia social. En Carballo fai tempo que estamos a apostar por un urbanismo máis humanizado, que coloca aos peóns no lugar preferente á hora de deseñar os espazos urbanos e que trata de fomentar tamén o uso da bicicleta facilitando o seu aparcamento e, sobre todo, creando unha rede específica que nos permita movernos dun punto a outro do noso concello sobre dúas rodas.
Nestes momentos está en marcha o proxecto de Dotación de servizos urbanos no itinerario peonil e ciclista da estrada AC-552 entre os quilómetros 32+620 e 34+480, adxudicada a Arias Infraestruturas por 395.335,28 euros.
A actuación, que segue o mesmo modelo de colaboración utilizado na travesía de Bértoa, consistiu na instalación de canalizacións para electricidade, telecomunicacións, alumeado público, abastecemento de auga e saneamento en ámbalas marxes da estrada. Dentro do mesmo proxecto incluímos a ampliación da estrada local que bordea o enlace da AG-55 coa AC-552. Non se acometeu a rede de pluviais porque forma parte da actuación en superficie que acometerá a Axencia Galega de Infraestruturas, que vén de poñer en marcha o proceso de expropiación de terreos.
As obras asumidas polo Concello de Carballo están listas, e hoxe está previsto proceder ao aglomerado dos treitos polos que non discorrerá a senda e dos cruces.
Cicl-Ando Carballo
O Concello construíu unha senda de acceso ao polígono
O proxecto Cicl-Ando Carballo, que será financiado con fondos europeos e no que tamén estamos a traballar, fará posible o acondicionamento de 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas que enlazará distintos puntos do municipio, unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas e unha campaña de sensibilización en mobilidade sostible. O Concello de Carballo destinará a este proxecto 2.141.618,86 euros, dos cales 1.713.295 corresponden á achega aprobada pola UE.
O polígono industrial de Bértoa é un dos puntos estratéxicos. Despois da construción do itinerario peonil e ciclista dende a zona urbana ata a rotonda de acceso ao parque empresarial, que foi un proxecto co-financiado polas administracións local e autonómica, o Concello de Carballo puxo en servizo pouco antes da declaración do estado de alarma un novo treito de 550 metros de lonxitude dende a estrada comarcal ata o polígono. A obra foi executada pola empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 96.558 euros.
O proxecto Cicl-Ando permitirá darlle continuidade ata a zona do complexo deportivo das Eiroas e o parque de bombeiros, ademais de enlazar coa estrada de Razo e de crear unha senda perimetral do polígono. As conexións coa zona industrial cobran especial relevancia, xa que o principal obxectivo deste tipo de actuacións é a modificación da conduta e os hábitos do usuario á hora de realizar os seus desprazamentos cotiáns, en procura dunha mobilidade máis sustentable, respectuosa co medio ambiente e enerxeticamente eficiente, xa que tamén se consegue unha redución das emisións de CO2.