Inicio Carballo ao día Hemeroteca Humana retoma a súa actividade de...

Humana retoma a súa actividade de recollida de téxtil despois dun mes de parón por mor da crise sanitaria

Os contedores serán desprecintados nos vindeiros días e quedarán de novo ao servizo da cidadanía

Xoves 21 de maio do 2020 Carballo ao día

Contedor de Humana en Sofán

Contedor de Humana en Sofán

Un mes despois da suspensión da recollida selectiva de téxtil como consecuencia da crise sanitaria global, a Fundación Humana está en condicións de retomar o servizo no noso concello.  Nos vindeiros días retiraranse os precintos dos contedores, que quedarán de novo ao servizo da cidadanía. Para garantir a seguridade de traballadores/as e usuarios/as realizaranse desinfeccións tanto dos colectores coma dos vehículos de transporte.

O estado de alarma obrigou a Humana a pechar temporalmente a súa rede de tendas o 14 de marzo. Días despois procedeuse á paralización da actividade das plantas de preparación para a reutilización e á presentación dun ERTE para o 85% do persoal. Hai agora un mes a organización viuse obrigada a suspender de modo temporal os labores de recollida selectiva en varias comunidades autónomas, pero agora xa está de novo en condicións de prestalo.

Humana ten en marcha en Carballo un proxecto piloto co que trata de demostrar que unha contenerización correctamente dimensionada é clave para recuperar una maior cantidade de téxtil e cumprir os obxectivos da UE en materia de residuos. Así, mentres a media española é de 1 colector por cada 5.000 habitantes, en Carballo hai un por cada 900 habitantes. O ano pasado, os veciños e veciñas depositaron neles un total de 185.000 prendas de roupa.

Compartir: