APROBADAS AS BASES DA CONVOCATORIA DE AXUDAS DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
A Xunta de Goberno Local aproba licenzas para obras valoradas en máis de tres millóns de euros
Iniciados os expedientes de contratación de servizos como o control de ruídos ou a sinalización horizontal e vertical da rede viaria
Martes 26 de maio do 2020 Carballo ao día
O Concello contrata o subministro de biomasa para as caldeiras das instalacións deportivas
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión telemática celebrada este luns 25 un total de 18 licenzas urbanísticas, a maior parte para construción, reforma, legalización ou ampliación de edificios de vivendas ou auxiliares, pero tamén para proxectos empresariais como un almacén de cereal, un cortello ecuestre, un centro de estética ou dúas naves industriais. As obras superan, en conxunto, os tres millóns de euros de orzamento.
O goberno carballés aproveitou a sesión para iniciar os expedientes de contratación de varios servizos:
- Control de ruídos, por un prazo de 4 anos e cun valor anual de 14.520 euros.
- Conservación, mantemento, reposición e traballos de sinalización horizontal e vertical na rede viaria, por dous anos, con posibilidade de tres prórrogas anuais, e un orzamento anual de 100.000 euros.
- Subministro de combustible para as caldeiras das instalacións deportivas, coa mesma duración que o anterior e un orzamento máximo de 36,30 euros por metro cúbico de astilla e de 296,45 euros por tonelada de pellets. O consumo anual estimado, en condicións de uso normais, acada os 3.000 metros cúbicos de astilla e as 40 toneladas de pellets.
- Ampliación do contrato de implantación e soporte de almacenamento, virtualización e copia de seguridade do Concello de Carballo, cun custe de 8.080,67 euros.
Entre os acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local figuran tamén facturas por importe de 23.015,36 euros, gratificacións por algo máis de 14.000 euros e a concesión dunha subvención Carballo Activa á empresa Carpintería Metálica Acesol pola contratación a xornada completa durante 3 meses dun alumno de soldadura do Fórum Carballo.
Subvencións a entidades empresariais
Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno Local aprobou as bases reguladoras da convocatoria de subvencións a asociacións empresariais e de comerciantes para a realización de actividades de promoción económica durante este ano 2020. Este plan de axudas, que se sumará a un completo programa de medidas de reactivación económica no que estamos a traballar en coordinación cos distintos colectivos empresariais, pretende axudar ás entidades a impulsar accións de dinamización, programas de formación e actividades de promoción económica que lles permitan manter a súa actividade durante os meses críticos que se aveciñan. A achega que realizará o Concello de Carballo para esta liña de subvencións poderá acadar os 60.000 euros.