A ordenanza que regula o tempo de estacionamento na Zona Azul estará vixente de novo a partir do 1 de xuño
Lembra colocar o disco indicando a hora, e se non o tes podes solicitalo de balde nas dependencias da Policía Local
Venres 29 de maio do 2020 Carballo ao día
A medida que aumenta a mobilidade e imos recuperando a actividade comercial tamén medra a demanda de aparcamento. Como consecuencia deste cambio de escenario, a partir do 1 de xuño volverá a entrar en vigor a ordenanza que limita o tempo de estacionamento na Zona Azul a unha hora e media. Non esquezas colocar o disco indicando a hora de chegada e de saída nun lugar visible para facilitar o control policial, e se non o tes podes solicitalo, de balde, nas dependencias da Policía Local.
Na zona urbana de Carballo temos máis de 500 prazas de aparcamento en Zona Azul, e continuamos recibindo demandas do comercio, fundamentalmente. De feito, no último pleno antes da declaración do estado de alarma aprobouse a creación de 11 novas prazas na rúa Vila de Negreira e 7 na rúa Lugo.
O obxectivo da Zona Azul, implantada no ano 2002, era garantir a rotación de vehículos naqueles lugares onde hai máis dificultades para o estacionamento. Pero o sistema, que non leva aparellada ningunha taxa, dá tan bo resultado que dende a súa posta en marcha o número de prazas multiplicouse por cinco. O horario de limitación abrangue de 09:00 a 13:30 horas, de luns a sábado, e de 15:30 a 20:00, de luns a venres.
Tal como recolle a ordenanza que a regula, na Zona Azul está prohibido aparcar vehículos de máis de 3.500 Kg. e os que realicen operacións de carga e descarga salvo que carezan dun lugar específico para esa finalidade. Están exentos das limitacións horarias os vehículos oficiais en horario de traballo, os dos servizos públicos, os de representacións diplomáticas e organismos internacionais, así como os de emerxencias.
As infraccións en Zona Azul, como non colocar o disco de control ou sobrepasar o tempo máximo de estacionamento, por exemplo, están consideradas de carácter leve e supoñen 80 euros de sanción.