A CAMPAÑA ANUAL REMATOU CUN BALANCE DE 15.952 AVESPAS
Aumenta un 27,5% a cantidade de raíñas capturadas durante a campaña de trampeo de velutina impulsada dende o Concello
Ademais, no mes de maio foron retirados 28 niños
Xoves 4 de xuño do 2020 Carballo ao día
Trampa caseira en Ramil (Rus)
A campaña de trampeo de velutina rematou cun balance de 15.952 raíñas capturadas, o que supón un incremento do 27,5% con respecto ao ano pasado. O aumento das avespas correspóndese co do número de persoas colaboradoras, que pasou de 57 a 78, e de trampas, que se incrementou de 737 a 867.
A campaña de trampeo concéntrase entre os meses de marzo de maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios. O intenso traballo realizado polo Servizo Municipal de Control de Pragas e as 78 persoas colaboradoras permitiu atrapar 2.868 raíñas no mes de marzo, 7.870 no de abril e 5.202 no de maio. As capturas repartíronse por todas as parroquias. Para conseguir este balance utilizáronse 1.300 litros de líquido atraínte de elaboración propia.
O Servizo Municipal de Control de Pragas tamén vén de facer reconto dos niños retirados no mes de maio, que foron un total de 28, case todos primarios. Tamén se rexistrou a primeira picadura a unha persoa que tivo que ser atendida no hospital. No que vai de ano levamos retirados 34 niños.
Lembra que podes avisar da presenza dun niño a través dos teléfonos 112 o 012 ou a través da APP do Concello de Carballo que podes instalar no teu teléfono móbil.