#DÍAMUNDIALDOMEDIOAMBIENTE
Os desprazamentos a pé e en bicicleta polas rúas de Carballo multiplicáronse durante o estado de alarma
Dende o Concello estamos a traballar na creación de novas infraestruturas peonís e ciclistas grazas ao proxecto Cicl-Ando Carballo
Venres 5 de xuño do 2020 Carballo ao día
O Concello de Carballo creará 18 quilómetros máis de sendas peonís e ciclistas
A mobilidade sustentable é clave na protección do medio ambiente. No Concello de Carballo vimos apostando polo fomento dos desprazamentos a pé e en bicicleta a través de iniciativas como o Metrominuto, a instalación de aparcabicis ou a limitación da velocidade a 30Km/hora na zona urbana, que aporta unha maior seguridade a peóns e ciclistas.
Durante o estado de alarma, dende que empezaron a permitirse os paseos, multiplicáronse os desprazamentos a pé e en bicicleta. “Encántanos ver tanta xente camiñando e tantas bicis en Carballo”, sinala o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane. Dende o seu punto de vista, o proxecto Cicl-Ando Carballo vai marcar un antes e un despois na nosa maneira de movernos, sen esquecer que a súa posta en marcha suporá unha redución do consumo enerxético de máis dun 15%.
Cicl-Ando Carballo inclúe o acondicionamento de 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas que nos permitirán movernos a pé ou en bici entre a zona urbana de Carballo, o polígono industrial de Bértoa e Razo sen necesidade de pisar o asfalto. O proxecto prevé tamén a creación dunha rede de aparcamentos seguros para bicicletas e unha campaña de sensibilización en mobilidade sostible. O orzamento acada os 2.141.618,86 euros e a Unión Europea achegará o 80%, o máximo posible.
Se te moves en bici, lembra!
Pero, ata que poidamos converter esa importante rede peonil e ciclista en realidade, e co obxectivo de facilitar a convivencia entre os distintos modos de transporte polas nosas rúas, lembrámosche algunhas normas que debes ter en conta se te desprazas por Carballo en bicicleta:
- Utiliza a calzada. As bicis non poden circular por beirarrúas, prazas e rúas peonís, agás no caso dos menores de 12 anos, que deben ir sempre acompañados dunha persoa adulta a pé.
- Móvete no sentido da circulación, nunca en dirección prohibida.
- Circula polo lado dereito, pero sen pegarte aos vehículos aparcados: as bicis en Carballo poden circular polo centro do carril.
- Lembra que non podes utilizar auriculares nin o teléfono móbil.
- O casco é de uso obrigatorio para os menores de 16 anos e para todo o mundo nas vías interurbanas, pero recomendámosche que o utilices sempre.
- Respecta a sinalización vertical e horizontal.
- Sinaliza os cambios de dirección.
- Non aparques impedindo a circulación dos peóns