As praias de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal renovan as bandeiras azuis, que se suman aos certificados ambientais
A Asociación de Educación Ambiental (Adeac) tamén volveu a conceder o distintivo de sendeiro azul para a ruta Razo-Baldaio
Martes 9 de xuño do 2020 Carballo ao día
As praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo volverán a contar este verán con bandeiras azuis, que se suman aos certificados europeos ISO 14001 e EMAS e reforzan o compromiso do Concello de Carballo co desenvolvemento sostible dunha área tan sensible coma a nosa costa. Ademais de certificar a boa calidade das augas de baño, dos areais e dos servizos que prestamos aos usuarios e usuarias, este ano tamén é preciso adoptar medidas que eviten a propagación da COVID-19. Neste sentido, as praias de Carballo estarán dotadas do equipamento preciso para garantir a protección de bañistas e socorristas.
A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) vén de facer pública a listaxe de praias con bandeira azul, que ten como principal obxectivo estimular o cumprimento da Directiva de Calidade de Augas de Baño da UE. Un ano máis, renovamos tamén o distintivo de sendeiro azul para a senda costeira que discorre entre Razo e Baldaio.
A Concellaría de Praias de Carballo ten como principal obxectivo a procura da excelencia en todos os parámetros que determinan a calidade dos servizos que se prestan no noso litoral. Nesa liña, contamos cun sistema informático que facilita os controis de calidade que realizamos a diario nas praias de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, e cun sistema de xestión ambiental que ten como principal obxectivo converter as praias carballesas nun referente paisaxístico sostible co medio ambiente.
Ao mesmo tempo seguimos a traballar noutros aspectos relacionados coa protección do medio costeiro e dos seus usuarios e usuarias, con actuacións coma a rede de abastecemento de auga, que está xa na súa recta final. Este mes empezou xa a traballar o novo servizo de limpeza de praias na posta a punto tanto dos areais coma das súas contornas, e temos en marcha o proceso de selección de 30 socorristas para iniciar a temporada oficial nos vindeiros días.