As actuacións de mellora da accesibilidade e a seguridade viaria continúan a estenderse por toda a zona urbana
As obras de mellora da seguridade nos pasos de peóns arrincaron coa construción dunha glorieta no cruce das rúas Fomento e Río Anllóns
Xoves 11 de xuño do 2020 Carballo ao día
Obras de construción da glorieta
As actuacións encamiñadas a mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria continúan a estenderse por toda a zona urbana. Xunto aos últimos retoques no eixo Barcelona-Luis Calvo, a contorna do Fórum Carballo e a avenida das Flores, nos últimos días arrincaron as obras de reurbanización da rúa Bos Aires, e ademais xa están en execución o proxecto de mellora da accesibilidade na rúa Vázquez de Parga e na zonas da Casilla e O Igrexario, que se realiza simultaneamente co de mellora da seguridade nos pasos de peóns. Precisamente os traballos comezaron coa construción dunha glorieta na zona da ponte de Isabel II, no cruce das rúas Fomento e Río Anllóns.
As obras de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns foron adxudicadas á empresa Vázquez y Reino por 189.244 euros. O proxecto, co-financiado entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, inclúe actuacións nos 43 pasos de peóns con maior intensidade de tráfico rodado e peonil do núcleo urbano, e que se sitúan nas rúas Compostela, Avenida da Milagrosa, Avenida de Fisterra, Vázquez de Parga, Luis Calvo, Daniel Castelao, Fomento, Gran Vía, Sol, Berdillo, Poñente, Fábrica, Avenida de Malpica, Avenida de Razo, Perú, Avenida Ponte da Pedra, Vicente Risco e Río Anllóns.
O tipo de traballos que se levarán a cabo variará en función da situación de cada paso de peóns, e, deste xeito, están previstos catro tipos de intervención:
- Mellora da iluminación. Realizaranse dous tipos de actuación: por unha banda, a substitución das luminarias existentes por outras de maior potencia cando estean situadas a menos de 7 metros do paso de peóns. Cando esa distancia sexa maior colocarase un novo punto de luz cun proxector que iluminará o paso de peóns.
- Mellora da sinalización horizontal. Os pasos pintaranse cunha pintura especial que os fará máis visibles, sobre todo en condicións meteorolóxicas adversas, e ademais colocaranse captafaros reflectores nas bandas brancas.
- Mellora da sinalización vertical. Instalaranse paneis luminosos coa sinalización homologada de paso de peóns e incluirase un texto, tamén luminoso, que advirta da presenza do peón ao condutor. Os sinais só se acenderán cando detecten a presenza do peón.
- Redución da velocidade e tráfico calmado. Ademais da glorieta, neste apartado figura a instalación de coxíns berlineses ou a construción de pasos de peóns elevados nalgúns casos.
Eliminación de barreiras na rúa Río Anllóns
A mellora da seguridade nos pasos de peóns está a realizarse de maneira simultánea coas obras de accesibilidade, que tamén executa a empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 153.065 euros. O obxectivo é seguir actuando na mellora da mobilidade de toda a poboación, eliminando barreiras, sobre todo, nas rutas escolares, como xa se fixo nas do CEIP Fogar e o CEIP Bergantiños. Nestes momentos, as obras permitirán mellorar os camiños escolares do CEIP A Cristina, xa que se actuará nas rúas Luis Calvo, Pan, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Avenida de Fisterra, Río Anllóns e Río Miño, e a maiores eliminarase unha importante barreira no treito autonómico da rúa Vázquez de Parga.