DESCARGA AQUÍ O FORMULARIO DE SOLICITUDE
Este San Xoán poderán realizarse cachelas en propiedades privadas pero estarán prohibidas en espazos públicos e praias
Luns 15 de xuño do 2020 Carballo ao día
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de ditar o seguinte bando relativo á celebración das cachelas de San Xoán no que se establecen as condicións de celebración. "Todos os anos por estas datas e seguindo un costume da tradición lonxana, este Concello establece as normas de seguridade para solicitar e celebrar as cachelas de San Xoán, que terán lugar a noite do 23 do mes de xuño. Con motivo da crise sanitaria Covid-19, o Concello de Carballo soamente autorizará a celebración de Cachelas en propiedade privada, quedando totalmente prohibida a realización das mesmas en espazos públicos e praias", sinala o bando.
As normas ás que terá que axeitarse a instalación e queima das cachelas son as seguintes:
1. Presentación da solicitude de celebración da cachela, nas dependencias da Policía Local en horario de 9:00 a 13:00, antes das 13:00 do día 22/06/2020, facendo constar os seguintes datos da persoa maior de idade que organiza o acto e que se fai responsable deste:
- Nome e apelidos e documento nacional de identidade do solicitante
- Situación exacta do lugar de celebración da cachela particular.
- Obriga de coidar os arredores e coñecer o teléfono do Servizo de Bombeiros (112 / 981758057), Policía Local (981701722) e Protección Civil (981 704048).
- Compromiso de dispor no evento dun teléfono móbil en funcionamento, con indicación na solicitude do seu número.
3. Os materiais a empregar na combustión serán: leña, pólas, toros de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase. Prohíbense os pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC en xeral e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles e/ou calquera substancia explosiva. Lémbrase que calquera bote de aerosol pode orixinar unha explosión importante. Prohíbense as fogueiras baixo tendidos eléctricos, telefónicos, etc.
4. Prohíbese a realización das tradicionais fogueiras parroquiais, comunitarias ou veciñais en espazos públicos ou en terreos privados ou comunitarios, susceptibles de seren utilizados por unha colectividade indeterminada de persoas usuarias, porque nas actuais circunstancias non se pode garantir a seguranza e cumprimento das normas de distancia social e aforamentos máximos para evitar rebrotes.
5. A persoa solicitante terá que acatar as normas ou instrucións que poidan ditar os axentes dos Corpos da Policía Local, Protección Civil ou Corpo de Bombeiros A hora límite para rematar a celebración é ás 03:30 horas da madrugada, de acordo co establecido para a celebración de festas e romarías populares.
"Esta Alcaldía, ao tempo que convida a todos os veciños e veciñas a gozar da festa desa noite, confía en que se cumpran estas instrucións, ditadas non só para garantir a protección e seguranza no municipio, en conciliación co lecer da cidadanía, senón tamén para evitar posibles rebrotes na propagación do virus, polo que se prega que se estremen as medidas de hixiene e para manter o distanciamento social", remata o bando.