Inicio Carballo ao día Hemeroteca O programa de compostaxe doméstica chega...

O programa de compostaxe doméstica chega xa a 342 fogares do noso concello

Esta semana rematou o reparto de 51 novos composteiros e segue aberta a listaxe de agarda para as persoas interesadas en sumarse

Venres 19 de xuño do 2020 Carballo ao día

Esta semana retomamos o reparto de composteiros que quedara paralizado en marzo como consecuencia da crise sanitaria provocada polo coronavirus, e xa temos 51 máis distribuídos por todo o concello. O programa de compostaxe doméstica conta xa con 342 usuarios, fogares na súa maior parte, pero tamén entidades e colexios.

As persoas interesadas poden descargar máis abaixo o impreso de solicitude ou recollelo na Casa do Concello, e presentalo debidamente cuberto no Rexistro Xeral. Á hora da adxudicación dos composteiros terán preferencia as 4 familias que quedan en lista de agarda, e a partir de aí a asignación farase por orde de solicitude. No caso de que haxa máis peticións que recipientes abrirase unha nova listaxe de agarda para futuras campañas.

Ademais do composteiro, as familias participantes reciben un manual de uso e unha formación básica. Dende as concellarías de Medio Ambiente e Obras e Servizos, que xestionan o proxecto, faise unha valoración moi positiva da experiencia desenvolvida nestes últimos seis anos, tanto pola implicación da cidadanía como pola contribución que a compostaxe supón á eliminación da fracción húmida dos residuos sólidos, que é a máis pesada e supón un maior custe de tratamento.

Descargas

Compartir: