Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Carballo Interplay prepara unha VII...

O Carballo Interplay prepara unha VII edición híbrida para os días 18, 19, 20 e 21 de novembro

Venres 19 de xuño do 2020 Cultura

Despois do adiamento polo brote de COVID-19 da súa VII edición, prevista para a primeira semana de abril, a organización do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay anuncia a celebración dunha edición "híbrida" os días 18, 19, 20 e 21 de novembro deste ano. Mantendo o criterio da "responsabilidade colectiva" e a prioridade de "evitar calquera risco de contaxio", o equipo do evento ultima un formato feito a medida para o festival, que priorice os contidos virtuais pero que non desbote -se a situación sanitaria o permitise- a celebración dalgunha actividade presencial.

O Carballo Interplay cumpre este 2020 sete anos de vida, convertido no festival de contidos dixitais máis importante do Estado. Unha cita de referencia para o sector dixital global que cada ano ofrece, dende Carballo para o mundo, unha panorámica da innovación na rede a nivel galego, español e internacional, cunha completa Sección Oficial con webseries de todo o mundo e cun programa de actividades coas que aprender e divertirse arredor dos contidos para Internet.

Compartir: