Inicio Carballo ao día Hemeroteca As empresas que tiveron a súa actividade...

As empresas que tiveron a súa actividade paralizada durante o estado de alarma xa poden adherirse ao programa de bonos

O prazo para formalizar a participación estará aberto dende o 22 de xuño ata o 20 de xullo

Sábado 20 de xuño do 2020 Carballo ao día

O programa de bonos para a reactivación da economía local bota a andar coa apertura do prazo de inscrición para as empresas interesadas en participar. Só teñen que cumprir dous requisitos: que a súa actividade se vise afectada polo peche de establecementos decretado durante o estado de alarma e dispoñer de TPV.

O prazo de participación estará aberto dende o 22 de xuño ata o 20 de xullo, e as inscricións realizaranse a través do formulario ao que podes acceder premendo aquí. Calquera consulta ou dúbida relacionada co programa atenderase exclusivamente a través do correo electrónico promocioneconomica@carballo.gal.

A participación obriga ás empresas a colocar os materiais informativos da campaña nun lugar visible dos establecementos, a utilizar a imaxe oficial do programa en calquera publicidade ou promoción que realicen e a comunicar ao Concello de Carballo calquera incidencia ou mal uso dos bonos que poidan observar nas súas instalacións.

Unha vez remate o prazo de adhesión das empresas abriremos o de solicitude de bonos para todas as persoas maiores de 18 anos e empadroadas en Carballo. Para estudantes e desempregados/as serán gratuítos, polo que recibirán 30 euros; mentres que o resto da cidadanía poderá adquirir por 20 euros un bono por valor de 50, implicando deste xeito a toda a poboación activa na reactivación da economía local.

“Pensamos que é unha fórmula eficaz e xusta, na que se utilizan criterios de transparencia, equidade, concorrencia e igualdade, e, sobre todo, coa que se consegue reinvestir o diñeiro de todas e todos na economía local”, sinala o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira.

A campaña terá impacto tanto na zona urbana coma na rural, xa que poden participar todas as empresas con domicilio fiscal ou actividade en calquera parroquia

Ademais de aplicar un criterio de universalidade social local, xa que os bonos estarán a disposición de todas as persoas maiores de idade, o programa contribúe a fomentar a economía circular, porque só serán válidos en Carballo; a reactivar a economía, porque poderán gastarse nas empresas afectadas pola declaración do estado de alarma, e a implicar a toda a cidadanía no reto da reactivación e o consumo local, amplificando o sentimento de pertenza a Carballo.

A campaña terá impacto tanto na zona urbana coma na rural, xa que poden participar todas as empresas con domicilio fiscal ou actividade en calquera parroquia, e ademais, dado que haberá que gastar os bonos nun prazo determinado ata fin de ano, garántese a recuperación do consumo a curto prazo. A maiores, a iniciativa persegue a sensibilización da poboación máis nova co consumo de proximidade fronte ás grandes superficies e a venda online e ofrece ás empresas participantes a oportunidade de fidelizar a súa clientela.

Ligazóns

Compartir: