O Concello de Carballo ten en marcha obras hidráulicas por máis de dous millóns de euros
A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación do proxecto de ampliación das redes de saneamento e abastecemento no lugar da Vella Morta
Luns 22 de xuño do 2020 Carballo ao día
Imaxe de arquivo das obras de abastecemento a Razo
O Concello de Carballo está a realizar nestes momentos un investimento superior aos dous millóns de euros en obras hidráulicas. Hoxe mesmo, a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación do proxecto de ampliación das redes de abastecemento e saneamento no lugar da Vella Morta, incluído no POS+ 2019 cun orzamento de 125.400,09 euros.
Despois do parón obrigado pola COVID-19, o Concello de Carballo retomou as obras de saneamento e abastecemento aos lugares de Figueroa e Outeiro (Sísamo), que están practicamente listos, ao igual que os de abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo. Tamén se está a traballar nas redes de saneamento de Taboada e A Granxa (Entrecruces), O Pinar e Pedra do Sal (Lema), Vilar do Carballo (Oza) e Razo da Costa e Santa Mariña (Razo).
Outros proxectos hidráulicos que pronto se converterán en realidade son os do saneamento entre A Piña e Evas (Sofán), nos lugares de Betrís e Ribeira (Rus) e nos de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar (Artes).
Outros acordos
Na súa xuntanza de hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén o pago de facturas por importe de 30.292,98 euros, a devolución de avais, vaos e licenzas urbanísticas, entre elas unha de reforma dun edificio en Razo para destinalo a albergue xuvenil.
O goberno municipal decidiu suspender o pago da renda da cafetería do Mercado Municipal no período comprendido entre o 14 de marzo e o 17 de maio, como consecuencia do peche obrigado polo estado de alarma
Ademais, o goberno municipal decidiu suspender o pago da renda da cafetería do Mercado Municipal no período comprendido entre o 14 de marzo e o 17 de maio, como consecuencia do peche obrigado polo estado de alarma.
Fóra da orde do día saíu adiante a proposta de programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña para o ano 2020.