Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Escola Municipal de Hostalaría elaborou...

A Escola Municipal de Hostalaría elaborou case 2.000 menús para persoas en situación de vulnerabilidade

Profesorado e representantes municipais agradeceron a implicación e a solidariedade do alumnado, que remata a formación no Fórum para incorporarse ás prácticas

Luns 22 de xuño do 2020 Carballo ao día

Hoxe foi día de despedidas na Escola de Hostalaría

Hoxe foi día de despedidas na Escola de Hostalaría

A Escola Municipal de Hostalaría elaborou entre o 28 de abril e o 19 de xuño case 2.000 menús para veciños e veciñas do noso concello en situación de vulnerabilidade. O venres apagáronse os fogóns da aula de cociña por este curso, e hoxe foi día de avaliación e de agradecementos por parte dos profesores Fernando Agrasar e José Manuel Martínez; do concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, e da concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, ao alumnado pola súa implicación e o seu traballo voluntario para axudar ás familias con máis necesidades.

“Malia os atrancos que tivemos, estou moi orgulloso de como rematou o curso”, sinalou José Manuel Martínez, que o venres ten unha nova cita cos seus alumnos e alumnas para as cualificacións finais. “Quedounos unha parte do programa formativo sen poder ver, pero do que non cabe dúbida é de que esta experiencia vaivos dar moita máis soltura na cociña que vos resultará moi útil á hora de realizar as prácticas”, engadiu Fernando Agrasar.

Ao orgullo e o agradecemento pola implicación do alumnado sumouse o concelleiro Iván Andrade, ademais de animar aos cociñeiros e cociñeiras a aproveitar as prácticas para “que poidades atopar un futuro laboral”. Especialmente agradecida, en nome propio, do persoal de Servizos Sociais e das familias usuarias, amosouse Maica Ures, “porque co voso gran de area, que foi moi grande, axudastes a mellorar a calidade de vida para moitos veciños e veciñas. Penso que a experiencia foi unha aprendizaxe didáctica para vós, pero para o resto da sociedade foi unha aprendizaxe de solidariedade”.

Compartir: