Inicio Carballo ao día Hemeroteca Avalancha de solicitudes para a...

Avalancha de solicitudes para a celebración de cachelas en todo o concello

A Policía Local aínda recolleu impresos durante toda a mañá de hoxe, o que eleva a preto de 800 a cifra de peticións

Martes 23 de xuño do 2020 Carballo ao día

Ante a avalancha de solicitudes recibidas para a celebración de cachelas, que ao peche do prazo establecido inicialmente acadaban as 695, a Policía Local de Carballo continuou recollendo impresos ao longo de toda a mañá de hoxe, na que por momentos chegaron a formarse longas colas ás portas das dependencias policiais. Finalmente serán preto de 800 as cachelas que se celebrarán, coa preceptiva comunicación previa, en todo o concello, o que augura unha noite de San Xoán fiel á tradición.

Este ano, debido á crise sanitaria da COVID-19, o Concello de Carballo soamente autoriza a celebración de cachelas en propiedade privada, polo que queda totalmente prohibida a realización das mesmas en espazos públicos e praias. As normas para a súa elaboración son as seguintes:

  1. As cachelas terán que distar un mínimo de 12 metros ás edificacións e árbores. O diámetro máximo de zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho, cunha altura máxima de 2 metros.
  2. Os materiais a empregar na combustión serán: leña, pólas, toros de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase. Prohíbense os pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC en xeral e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles e/ou calquera substancia explosiva. Lémbrase que calquera bote de aerosol pode orixinar unha explosión importante. Prohíbense as fogueiras baixo tendidos eléctricos, telefónicos, etc. 
  3. Prohíbese a realización das tradicionais fogueiras parroquiais, comunitarias ou veciñais en espazos públicos ou en terreos privados ou comunitarios, susceptibles de seren utilizados por unha colectividade indeterminada de persoas usuarias, porque nas actuais circunstancias non se pode garantir a seguranza e cumprimento das normas de distancia social e aforamentos máximos para evitar rebrotes.
  4. A persoa solicitante terá que acatar as normas ou instrucións que poidan ditar os axentes dos Corpos da Policía Local, Protección Civil ou Corpo de Bombeiros A hora límite para rematar a celebración é ás 03:30 horas da madrugada, de acordo co establecido para a celebración de festas e romarías populares.

En caso de emerxencia están dispoñibles os seguintes teléfonos: Servizo de Bombeiros (112 / 981758057), Policía Local (981701722) e Protección Civil (981 704048).

Compartir: