Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado definitivamente e por unanimidade o plan...

PLENO ORDINARIO

Aprobado definitivamente e por unanimidade o plan parcial que permitirá a construción dun parque comercial na Revolta

A corporación municipal gardou un minuto de silencio polas vítimas da COVID-19 e outro polo ex-alcalde José Sánchez Vilas, finado durante o estado de alarma

Martes 30 de xuño do 2020 Carballo ao día

A sesión comezou con dous minutos de silencio

A sesión comezou con dous minutos de silencio

A corporación municipal de Carballo celebrou este luns a primeira sesión ordinaria presencial dende a declaración do estado de alarma, coas medidas de distanciamento e protección precisas e cunha homenaxe ás miles de vítimas da pandemia provocada pola COVID-19. Por elas gardouse un minuto de silencio ao comezo do pleno, pero tamén, como fora acordado, houbo unha lembranza para o ex-alcalde José Sánchez Vilas, finado durante o confinamento, e na súa memoria gardouse outro minuto de silencio.

Xa no que se refire aos asuntos incluídos na orde do día, a corporación municipal aprobou por unanimidade o plan parcial que permitirá a construción dun parque comercial na zona da Revolta. O proxecto desenvolverase nunha superficie próxima aos 50.000 metros cadrados, cunha edificabilidade de 28.000 metros cadrados, amplas zonas verdes, 7.600 metros cadrados para espazos libres e 281 prazas de aparcamento. A actuación enlazará ademais co itinerario peonil e ciclista da AC-552 que ten pendente de rematar a Xunta de Galicia e incluirá, a través dun convenio co Concello de Carballo, a construción dunha rotonda de acceso na AC-552.

Por unanimidade tamén foron aprobados os catro primeiros puntos da orde do día: a acta da sesión anterior e tres bonificacións do ICIO para outras tantas empresas que, en total, realizarán un investimento superior a 1,5 millóns de euros.

Modificación do orzamento

O debate central da sesión ordinaria, que ata o punto 5 contou coa participación de 20 dos 21 membros da corporación pola ausencia da socialista María Torres, xurdiu, precisamente, nese quinto punto, arredor do expediente de modificación do orzamento por un importe de 1,4 millóns de euros que irán destinados ao programa da Concellaría de Promoción Económica para inxectar economía nos sectores obrigados a cesar a súa actividade durante o estado de alarma, así como a atender outras necesidades e impulsar distintos sectores estratéxicos para Carballo a través dunha serie de investimentos en infraestruturas e bens. Terra Galega trasladou as súas críticas aos votos en contra dos seus dous representantes, mentres que os catro do PP e os tres do PSOE abstivéronse.

Pola contra, a participación do Concello de Carballo no POS+ Adicional da Deputación da Coruña para o financiamento de gastos sociais extraordinarios derivados da COVID-19 foi aprobada por unanimidade. O gasto social derivado da crise sanitaria está cuantificado en 138.000 euros.

No recoñecemento de obrigas pendentes de exercicios anteriores por importe de 36.356,19 euros, e na rectificación no Inventario Municipal de Bens abstivéronse os tres grupos da oposición. No apartado de rogos e preguntas, o goberno contestou ás cuestións pendentes da sesión anterior.

Compartir: