O Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostibles avanza cunha enquisa ao comercio sobre consumo enerxético
O Concello de Carballo está a traballar, no seo do Pacto dos Alcaldes, na mellora da eficiencia enerxética e a redución de emisións de CO2
Mércores 1 de xullo do 2020 Carballo ao día
A corporación municipal aprobou en febreiro do 2019 a adhesión do Concello de Carballo á iniciativa europea do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, un movemento no que participan autoridades locais e rexionais que asumiron o compromiso voluntario de mellorar a eficiencia enerxética, empregar fontes de enerxía renovables nos seus territorios e reducir as emisións de CO2.
Neste momento estamos a traballar na elaboración do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), e, neste marco, nos vindeiros días porase en marcha unha enquisa sobre consumo enerxético dirixida ao comercio local. Persoal da empresa contratada para realizar o traballo visitará os establecementos do municipio, aos que se lles pedirá que teñan a man unha factura eléctrica exclusivamente para verificar os kilovatios (kW) consumidos.
Tras a Declaración de Emerxencia climática e Ambiental en España, o Concello de Carballo súmase tamén a desenvolver liñas de acción que fagan fronte á crise climática e aproveitar os beneficios sociais e económicos que ofrece a transición ecolóxica para mellorar a calidade de vida dos carballeses e carballesas.
Vantaxes e compromisos
A participación no Pacto dos Alcaldes supón unha serie de vantaxes e de compromisos para o Concello de Carballo. Entre as primeiras, a posibilidade de acceder a liñas europeas de subvencións específicas, o recoñecemento e a visibilidade internacional, o aforro enerxético ou a mellora da calidade de vida da cidadanía. E, entre os segundos, destacamos a redución das emisións de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro nun 40% de aquí ao 2030, precisamente a través das medidas establecidas no PACES que agora estamos a elaborar, e que queremos ter listo no ano 2021.