30 socorristas velan este verán pola seguridade das persoas usuarias das praias de Razo, As Saíñas-Baldaio e Pedra do Sal
O servizo, que xa leva dez días operativo, funciona a diario dende as 11.00 ata as 20.00 horas
Sábado 4 de xullo do 2020 Carballo ao día
Un socorrista vixiando unha zona de baño en Razo
Un equipo de 30 socorristas vela este verán pola seguridade das persoas usuarias das praias de Razo, As Saíñas-Baldaio e Pedra do Sal, as tres nas que, un ano máis, ondearán as bandeiras azuis, e que contan coas certificacións ambientais máis esixentes no que a xestión ambiental se refire: o ISO 14.001 e o Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), considerado o de maior prestixio en Europa.
Os/as socorristas iniciaron a súa actividade o 24 de xuño, coincidindo coas festas de San Xoán, e permanecerán durante tres meses nas nosas praias. O servizo funciona todos os días da semana, dende as 11.00 ata as 20.00 horas.
Dentro das medidas previstas para ofrecer as máximas garantías de seguridade aos usuarios, o litoral está dividido en seis zonas de baño, que están delimitadas e vixiadas polos socorristas. Na zona das dunas está prohibido por tratarse dunha zona protexida que ademais non está controlada nin sanitariamente nin por parte do servizo de salvamento.
Nesa mesma zona, a empresa concesionaria do servizo de limpeza ten prohibida a utilización de medios mecánicos, para evitar danos a especies como a píllara das dunas. En todo areal as tarefas de limpeza son diarias dende o día 1 de xuño. E coincidindo coa temporada de maior afluencia tamén se reforza a recollida de residuos sólidos urbanos, entre outros servizos.
Este ano, e dada a crise sanitaria provocada pola COVID-19, tamén deben terse en conta outras medidas de protección, en especial o distanciamento social, o uso de máscara cando sexa preciso e a limitación do tempo de baño para evitar aglomeracións e facilitar que todas as persoas que o desexen poidan bañarse.