Evencio Ferrero felicitou ao alumnado do IES Parga Pondal gañador do certame "Wisibilízalas"
Nove mozos e mozas de 2º de Bacharelato acadaron o primeiro premio na categoría de impacto nas redes sociais
Sábado 11 de xullo do 2020 Carballo ao día
O alcalde, Evencio Ferrero, e as concelleiras de Educación, Mar Eirís, e de Planificación, Estratexia Urbana e Contratación, Milagros Lantes, recibiron aos nove alumnos e alumnas de TICs de 2º de Bacharelato do IES Parga Pondal gañadores do 1º premio na categoría de impacto nas redes sociais no certame ‘Wisibilízalas’. Os estudantes estiveron acompañados pola profesora e coordinadora do proxecto, Leticia Riestra, e polo director do centro, Suso Pensado. O equipo vendedor, “As Cachirulas”, formárono Marta Méndez, Elena Fariña, Javier Freire, Álex Barrera, David Fernández, Daniel Agrelo, Daniel Gende, Luis Pensado e David Lista.
‘Wisibilízalas’, proxecto fundado por Ana Freire, profesora da Universidade Pompeu Fabra, é un concurso internacional dirixido a colexios e institutos de España e Latinoamérica que ten como obxectivos romper estereotipos de xénero asociados a carreiras STEM, potenciar referentes femininos actuais que sirvan de inspiración ás máis novas e promover o uso da tecnoloxía e o traballo en grupo mediante a creación de páxinas web.
O equipo carballés foi máis alá e apostou por xerar reflexión no centro sobre a menor visibilidade das mulleres no eido da ciencia e tecnoloxía; por dar visibilidade ás mulleres que traballan no ámbito das TIC, salientando referentes autonómicos, rexionais e nacionais; por potenciar as referencias femininas no campo da ciencia e a tecnoloxía nun contexto escolar; e por sensibilizar sobre a interdisciplinariedade do ámbito tecnolóxico: medicina, pedagoxía ou astrofísica. Para iso entrevistaron a mulleres dos sectores ‘Stem’ e publicaron ata 3.000 entradas nas catro redes sociais máis importantes: desde fotos a recomendacións de películas, libros e outros documentos e ligazóns para reivindicar e dar visibilidade á importancia das mulleres non só científicas, senón de todas as profesións. Podedes ver o seu magnífico traballo en Facebook (Biblioteca Rebolo), Instagram (bibliorebolo), Twitter (@Bibliorebolo) e Youtube (Rebolo Biblioteca),así como na web do proxecto: https://sites.google.com/view/wisi-ascachirulas/home
“Nesta cuarta edición de ‘Wisibilízalas’”, explicou Riestra, participaron 932 estudantes e 132 centros de España, Colombia, Venezuela e Perú”. “Estamos moi contentos porque gustou non só a nosa proposta nas redes sociais, senón todo o traballo que hai por detrás”.
Parabéns
O alcalde agasallou ao centro cun carballo de Sargadelos
Mar Eirís valorou tamén o excelente labor das “Cachirulas”: “Todo o material que subiron ás redes e as ferramentas que usaron son moi útiles para outras persoas que queiran traballar non só nese campo, senón en moitos outros”. “O voso premio”, engadiu, “é ademais un premio para Carballo, ao que lle dades visibilidade fóra co voso talento”.
O alcalde felicitou aos alumnos e ao centro en nome do Concello de Carballo: “Sodes uns fenómenos e unhas fenómenas, por iso quero darvos os parabéns; tamén ao Isidro Parga Pondal, que demostra o traballo e a capacidade para poder facer esas entrevistas que logo teñen tanta transcendencia cara fóra. E como teñen esa repercusión, douvos tamén os parabéns porque nos axudades a proxectar Carballo e por proxectar algo tan positivo e tan necesario nestes momento como a posta en valor que as sociedades teñen que ser unhas sociedades sólidas, inclusivas, nas que participen por igual homes, mulleres e persoas con discapacidades”.
Suso Pensado dixo estar “moi agradecido pola recepción” na casa do concello. “É importante visibilizar non só ás mulleres na ciencia, senón o traballo que se fai no día a día no centro, que non só é dar clase, non só é unha xestión diaria: hai moitas máis cousas detrás, hai moita xente con moita vocación que está traballando moi ben”.
O acto rematou co firma dos alumnos e dos profesores no Libro de Honra do Concello e coa entrega de regalos aos gañadores: un exemplar, para cada un, dos dous últimos libros editados coa colaboración do Concello, un catálogo da obra do artista carballés Manuel Facal e un estudo sobre o río Anllóns. Ferrero agasallou tamén ao Parga Pondal cun carballo de Sargadelos.