Reparadas as rúas máis afectadas polos desvíos de tráfico durante as obras da rúa Barcelona e a avenida das Flores
O Concello de Carballo xa completou a mellora das rúas Nébedas, Lirios, Fiúnchos, Xestas e Buxos
Mércores 15 de xullo do 2020 Carballo ao día
Evencio Ferrero e Luis Lamas, na rúa Fiúnchos
Tal como estaba previsto, unha vez rematadas as obras de reurbanización do eixo viario Barcelona-Luis Calvo e da avenida das Flores, o Concello de Carballo vén de acondicionar as rúas que se utilizaron como alternativa para o tráfico rodado durante a execución dos traballos e que, debido ao incremento da circulación, quedaran deterioradas. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, fixeron un percorrido polas vías arranxadas pola empresa Excavaciones Pose, que vén de rematar a execución dos traballos nas rúas Nébedas, Lirios, Fiúnchos e Xestas, na zona da Cristina, e Buxos, na de San Cristovo.
Precisamente, nestes momentos o Concello de Carballo ten en marcha o procedemento de licitación do contrato de conservación, mantemento e reparación da rede viaria municipal por un período de dous anos, prorrogable ata un máximo de cinco. Para os dous primeiros anos fíxase un tope de investimento de 660.000 euros. Hoxe é o último día para que as empresas presenten as súas ofertas. O contrato divídese en dous lotes: un para as vías municipais pavimentadas da zona rural, e outro para as da zona urbana.