A Canceira Municipal reactiva as adopcións: achégate e coñece ao teu mellor amigo
Dende o levantamento do estado de alarma xa foron tres os cans que atoparon un novo fogar
Xoves 16 de xullo do 2020 Carballo ao día
Instalacións da Canceira Municipal
Rocky, Fito, Tofee, Jack, Tucha, Hook, Black e Lúa, que foi a última incorporación, son os cans e cadelas que agardan por ti na Canceira Municipal de Carballo. Se pinchas aquí podes ver os seus datos e fotos, pero tamén os de moitos dos case 250 animais que foron adoptados dende que funciona o servizo, entre eles Bobbi, Brais e Tessi, que atoparon fogar dende o levantamento do estado de alarma.
Cada ano rexístrase unha media de 34 adopcións de animais. A maioría son cans, pero tamén hai algún gato. O 25% dos animais que chegan á Canceira Municipal son animais perdidos, que acaban sendo reclamados polos seus propietarios e regresan aos seus fogares, pero a gran maioría son cans e gatos abandonados.
Nese sentido é preciso facer un chamamento á responsabilidade dos/as propietarios/as, ademais de lembrarlles que o abandono de animais de compañía está considerado coma unha falta grave na Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia, e pode supoñer sancións de 501 a 5.000 euros. Tamén é unha falta grave non ter identificados aos cans. Sen embargo, só un 16% dos que recollemos da vía pública contan con chip.
Antes de ter unha mascota, achégate á Canceira Municipal, que está situada xunto ao Punto Limpo, no polígono industrial de Bértoa. Está aberta os xoves e sábados de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas. E se realmente estás decidido/a a incorporar un novo membro ao teu fogar, non merques, adopta. Darlles unha segunda oportunidade a estes animais é doado e barato. Os trámites de adopción, que inclúen xestión administrativa, vacinación e desparasitación, colocación de microchip e inscrición no Rexistro Galego de Identificacion de Animais de Compañía (Regiac) custan só 50 euros.