Un arroaz de ferro e plástico reciclado será este ano o símbolo da campaña medioambiental “Eu quero Razo-Baldaio”
A escultura, que se colocará nos vindeiros días na zona de Baldaio, foi elaborada nun obradoiro dirixido polos artesáns Fabián Lage e Inés Rodríguez
Venres 17 de xullo do 2020 euqueroRB
O alcalde achegouse hoxe ata o obradoiro
Do mesmo xeito que a píllara de vimbio forma parte da paisaxe da praia de Razo, o arroaz de plástico que estivemos a construír nestes dous últimos días no Fórum Carballo instalarase na zona de Baldaio para converterse nun novo símbolo da campaña medioambiental “Eu quero Razo-Baldaio”.
Dende o Concello de Carballo queremos dar as grazas a todas as persoas comprometidas coa natureza e a protección do noso litoral que participaron no taller, moitas delas en familia, e moi especialmente aos usuarios e usuarias de Aspaber, que ademais de dedicar moitas horas á elaboración do fío de plástico, tamén participaron na confección da escultura. Con elas tivo a oportunidade de conversar hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, que se achegou ata a nave de carpintaría do Fórum para interesarse polo desenvolvemento da iniciativa.
Detalle do "traxe" do arroaz
Pero o proceso esténdese moito máis alá destas dúas xornadas. Arrincou coa construción, por parte do artesán carballés Fabián Lage, da estrutura de ferro da figura: un arroaz que “cabalga” sobre unha onda, clara alusión á importancia do surf na costa carballesa. Fabián Lage tamén é a cabeza pensante que deseñou a máquina empregada polos usuarios e usuarias de Aspaber para a elaboración do fío de plástico a partir de botellas de auga: 200 en total.
Durante estes dous días, e grazas a todas as mans voluntarias que se achegaron ata o Fórum, conseguiuse confeccionar o “traxe” de plástico reciclado que protexerá simbolicamente ao arroaz das agresións medioambientais. A artesá Inés Rodríguez, especializada en novos materiais, guiou o interesantísimo taller, do que sairá un resultado espectacular. Poderedes velo nos vindeiros días, cando teñamos acondicionado o emprazamento da escultura. Xa vos contaremos ;)
Para cubrir a estrutura do arroaz utilizouse fío de plástico elaborado con 200 botellas de auga