Inicio Carballo ao día Hemeroteca Avanzan as obras da rúa Bos Aires, que...

Avanzan as obras da rúa Bos Aires, que experimentará unha reforma integral grazas a un investimento de 280.775,27 euros

A próxima actuación na rede viaria urbana realizarase nas rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, no barrio do Chorís

Martes 21 de xullo do 2020 Carballo ao día

Luis Lamas e Evencio Ferrero visitaron as obras da rúa Bos Aires

Luis Lamas e Evencio Ferrero visitaron as obras da rúa Bos Aires

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, achegáronse ata a rúa Bos Aires, que ademais de ser un dos escenarios da actual edición do Festival Internacional de Arte Pública “Rexenera Fest”, está sendo obxecto dunha reforma integral grazas a un investimento de 280.775,27 euros. Os traballos, executados pola empresa local Vázquez y Reino, avanzan a moi bo ritmo.

O obxectivo da actuación é a mellora integral dunha rúa que contaba con servizos urbanísticos obsoletos, con canalizacións de fibrocemento e redes aéreas de electricidade e telefonía, ademais de beirarrúas de cemento moi estreitas. O proxecto da arquitecta carballesa María Vázquez Esmorís inclúe a substitución das redes de abastecemento de auga e saneamento, a instalación de rede de augas pluviais e o soterramento dos servizos de electricidade e telefonía, ademais de cable e gas.

Os traballos avanzan a moi bo ritmo

Os traballos avanzan a moi bo ritmo

En canto ao tratamento en superficie, a rúa Bos Aires será de plataforma única, cun único carril de circulación en formigón e beirarrúas de baldosa granítica. A actuación complementarase coa plantación de árbores, a colocación de mobiliario urbano e, como elemento diferenciador, a incorporación de xogos infantís que formarán parte da propia rúa.

A próxima actuación na rede viaria urbana realizarase nas rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, nas que investiremos 250.770,83 euros. A mesa de contratación do Concello de Carballo vén de facer proposta de adxudicación á empresa Excavaciones y Obras Candal, que vén de executar a reurbanización da rúa Campo da Feira.

Compartir: