EU QUERO RAZO-BALDAIO
Comezamos unha campaña de reparto de cinceiros de plástico reciclado para que as nosas praias estean aínda máis limpas
As concellarías de Medio Ambiente e Servizos contan coa colaboración das empresas Sulo e Acciona, esta última nova concesionaria do servizo de limpeza dos areais
Mércores 22 de xullo do 2020 Carballo ao día
A concesionaria presentou os medios humanos e materiais para a limpeza de praias
As concellarías de Medio Ambiente e Servizos, coa colaboración das empresas Sulo e Acciona, poñen en marcha unha campaña de reparto de cinceiros de plástico reciclado entre as persoas usuarias das nosas praias. O obxectivo principal é a eliminación das cabichas, que, como puidemos comprobar en anos anteriores, constitúen un dos residuos máis habituais nos areais, pero os cinceiros, que teñen forma de cucurucho, tamén poden empregarse para cascas de pipas, envoltorios de caramelos ou calquera outro residuo pequeno.
En total poñemos a disposición da cidadanía 2.000 cinceiros _achegados pola empresa Sulo, que fabrica colectores, papeleiras e distintos produtos medioambientais con plástico reciclado_ que serán distribuídos a pé de praia polo persoal do servizo de limpeza, aínda que tamén poderán solicitarse nos postos de salvamento e na Oficina de Información Turística.
Presentación da campaña
A campaña presentouse está mañá a pé de praia coa presenza de representantes das dúas empresas, o persoal do servizo de limpeza; o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, e o alcalde, Evencio Ferrero. No acto déronse a coñecer os medios humanos, pero tamén os materiais, da empresa Acciona, que vén de iniciar o contrato do servizo de limpeza de praias para os vindeiros catro anos. O equipo humano está integrado por cinco persoas, que se encarga da limpeza mecánica e manual dos areais, con especial coidado nas zonas de dunas e de aniñamento da píllara; pero que tamén se encarga do mantemento dos espazos públicos do litoral, o baleirado das papeleiras, a limpeza dos postos de socorrismo e dos aseos, e a xestión e renovación do certificado de calidade EMAS, que avala a boa prestación de servizos no noso litoral.
O servizo de limpeza forma parte do plan integral de coidado e valorización da costa, no que tamén se enmarcan accións de sensibilización social como a campaña “Eu quero Razo-Baldaio”. A nova concesionaria do servizo de limpeza de praias, ademais de colaborar nesta iniciativa co reparto de cinceiros, tamén participa noutras accións, entre elas a limpeza que se levará a cabo o vindeiro 5 de agosto na zona da lagoa. Dende a Concellaría de Medio Ambiente facemos un chamamento especial á colaboración cidadá, xa que a raíz do peche da lagoa o pasado inverno, acumulouse unha gran cantidade de plásticos en toda a contorna intermareal, poñendo en perigo a flora, a fauna e a imaxe do noso espazo natural. Se queres participar entra na ligazón.