Inicio Carballo ao día Hemeroteca Recollidas 4,5 toneladas de residuos...

Recollidas 4,5 toneladas de residuos orgánicos na primeira semana de funcionamento do programa “Ti tes a chave”

A iniciativa conta xa con 658 participantes, entre os cales figuran 99 grandes produtores

Venres 24 de xullo do 2020 Carballo ao día

O concelleiro Luis Lamas supervisou a recollida

O concelleiro Luis Lamas supervisou a recollida

O programa “Ti tes a chave” botou a andar con resultados máis ca esperanzadores. Na primeira semana xa foron recollidas e trasladadas á planta de compostaxe de Sogama un total de 4,5 toneladas de residuos orgánicos. Hoxe mesmo realizouse a segunda viaxe. Ademais, as adhesións van en aumento, e nestes momentos contamos xa con 658 participantes, entre os que figuran 99 grandes produtores.

Imaxe da descarga realizada hoxe en Sogama

Imaxe da descarga realizada hoxe en Sogama

Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, coma o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, expresaron hoxe a satisfacción do goberno municipal co arranque do servizo e animaron á veciñanza a seguir apostando por un sistema que contribúe á redución das emisións de CO2, garante un fertilizante de calidade coa recuperación dunha práctica tradicional do rural galego e reduce os custos do servizo de recollida de lixo, xa que o canon que pagamos a Sogama polo tratamento da 5ª fracción na planta de compostaxe é inferior ao da bolsa negra.

Todo son vantaxes, como xa están a comprobar cada vez máis familias. O xoves pola mañá, no posto que estivo instalado na rúa Coruña, realizáronse 95 altas. Este domingo, de 10:30 a 13:30 horas, o stand estará no Campo da Feira. Ademais, as persoas interesadas poden dirixirse de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, ao local de Carballo Limpo (galerías da rúa Desiderio Varela, 34).

Cada participante recibirá un kit que consta de un caldeiro de 10 litros de capacidade, tres atados de bolsas compostables personalizadas, un tríptico informativo e unha chave para abrir un dos contedores que se colocarán na vía pública para depositar os bio-residuos. Únete!

O posto informativo trasladarase este domingo ao Campo da Feira

O posto informativo trasladarase este domingo ao Campo da Feira

Compartir: