Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo lembra ás vítimas da...

Carballo lembra ás vítimas da COVID-19 cunha peza escultórica que pretende fomentar “un pensamento colectivo de cambio”

O alcalde, Evencio Ferrero, e o autor da obra artística, Fabián Lage, descubriron a figura, que xa forma parte da renovada contorna do Fórum

Mércores 29 de xullo do 2020 Carballo ao día

Evencio Ferrero e Fabián Lage, xunto á escultura

Evencio Ferrero e Fabián Lage, xunto á escultura

Carballo lembrará para sempre ás vítimas da COVID-19 a través dunha escultura titulada “Mágoa”, obra do artista local Fabián Lage, que pretende ser unha crítica ao capitalismo salvaxe e ao mesmo tempo promover, en palabras do seu autor, “un pensamento colectivo de cambio”. A madeira do ciprés derrubado por un temporal na Praza do Concello volve a ser a materia prima dunha peza artística, pero nesta ocasión rexorde tamén como o tronco centenario ao que agarrarse en tempos de incerteza.

A escultura, encargada polo concello de Carballo, foi inaugurada hoxe na zona axardinada do Fórum e xa forma parte dun espazo que foi obxecto dunha profunda transformación nos últimos anos “pensando no futuro, pensando en que a xente debe ter algunha oportunidade para demostrar as súas capacidades”, subliñou o alcalde, quen convidou á veciñanza a desfrutar da obra artística e da súa contorna e apelou a defender “os valores que nos teñen que definir como persoas”.

Ao acto asistiron varias decenas de persoas

Ao acto asistiron varias decenas de persoas

Evencio Ferrero e Fabián Lage descubriron a obra en presenza de varias decenas de persoas, que destacaron a calidade artística e simbólica de “Mágoa”, que o seu autor define coma unha escultura “de corte fantástico que lembra en certo xeito á viñeta dun cómic e que retrata a imaxe dun futuro apocalíptico e, á vista dos acontecementos recentes, dun presente profetizado en incontables ocasións”. Unha figura feminina de “beleza enfermiza” é o centro da composición, na que destacan as mans como nexo de unión entre as pezas e fundamento filosófico da obra e a máscara, “unha clara homenaxe a todas as vítimas da COVID-19, moitas das cales abandonaron este mundo a mans dunha cruel enfermidade que non deixou que marchasen arroupados co agarimo dos seus seres queridos”, engade Fabián Lage.

No vídeo podedes ver e escoitar as intervencións completas.

Vídeos

Compartir: