A instalación de mobiliario e o axardinamento completan a segunda fase da reurbanización da avenida das Flores
Evencio Ferrero visitou as obras, financiadas pola Deputación da Coruña, xunto cos concelleiros Luis Lamas e Maica Ures
Xoves 30 de xullo do 2020 Carballo ao día
Concelleir@s e alcalde, cunha veciña da rúa
O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Luis Lamas e Maica Ures, achegáronse ata a avenida das Flores coincidindo co inicio dos traballos de instalación do mobiliario urbano, que, xunto co axardinamento, completarán a segunda fase do proxecto de reurbanización do treito da DP-1901 comprendido entre as rúas Papoula e Nacente.
As obras, executadas pola empresa Construcciones Cernadas, foron adxudicadas por 629.059,94 euros pola Deputación da Coruña, titular da vía. Con esta actuación están xa reurbanizados máis de 1.200 metros de vía, e a intención das administracións local e provincial é darlle continuidade ata Sísamo nunha terceira e última fase.
O proxecto que agora remata discorreu na súa totalidade polo núcleo urbano e incluíu a dotación de plataforma única a todo o ancho da vía, eliminando as barreiras arquitectónicas e facilitando a accesibilidade. A estrada conta con dous carrís de circulación, de arredor de 3 metros de ancho, aparcamentos e novas beirarrúas que facilitan unha mobilidade urbana sostible e segura.
A actuación desenvolvida tamén permitiu rematar coas continuas avarías na rede de auga. Ademais da súa renovación completa tamén se instalaron novas canalizacións de saneamento, augas pluviais, telefonía, telecomunicacións e electricidade. Esta semana comezou a instalación das novas luminarias, que permitirán eliminar as antigas ancoradas ás fachadas, pero tamén se colocarán bancos, papeleiras ou aparcabicis. A plantación de árbores completará a reforma integral da rúa.