Inicio Carballo ao día Hemeroteca O campo de fútbol das Eiroas...

O campo de fútbol das Eiroas ofrecerá a vindeira temporada máis e mellores servizos a deportistas e público

O proxecto de ampliación dos vestiarios, construción dunha nova grada cuberta e urbanización exterior entra na súa recta final

Venres 31 de xullo do 2020 Deporte

Evencio Ferrero e Luis Lamas, cos técnicos municipais

Evencio Ferrero e Luis Lamas, cos técnicos municipais

O campo de fútbol das Eiroas contará a vindeira temporada con máis e mellores servizos, tanto para os/as deportistas como para o público. As obras de ampliación dos vestiarios, construción dunha nova grada cuberta e urbanización exterior están xa na recta final, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Deportes, Luis Lamas e Marcos Trigo, na visita que veñen de realizar acompañados por técnicos municipais, da empresa construtora e do equipo redactor do proxecto.

As obras foron adxudicadas por 453.725,80 euros á empresa carballesa Covisam Norte S.L. Como en tantos outros casos, o desenvolvemento dos traballos viuse freado durante o estado de alarma, que afectou mesmo ao abastecemento de material, pero nas últimas semanas foi posible recuperar a normalidade e intensificar o traballo co obxectivo de que o campo estea lista para a próxima tempada.

A renovación, actualización, equipamento e ampliación dos vestiarios xa é unha realidade dende antes do estado de alarma. Para conseguir este obxectivo ocupouse o anterior corredor de acceso. Ademais, aproveitouse para modificar o sistema de produción de auga quente e calefacción trasladando a caldeira ao cuarto de instalacións dos vestiarios do campo auxiliar, o que permitiu acondicionar un segundo vestiario de árbitros, necesario cando os equipos arbitrais están compostos por homes e mulleres.

Na visita tamén participou o concelleiro Marcos Trigo

Na visita tamén participou o concelleiro Marcos Trigo

A segunda gran actuación, que está a piques de rematar é a construción, no fondo norte, dunha nova grada cuberta con capacidade para 300 espectadores, o que implicou desmontar o peche, trasladar o vídeo-marcador e demoler a conserxaría. Esta semana quedou lista a base de formigón, e agora queda pendente a colocación dos asentos de plástico de cores, predominando o azul e o granate da uniformidade do Bergantiños, principal usuario da instalación. Con esta nova grada duplicaremos o espazo para que o público poida seguir os partidos comodamente sentado.

Esa fachada da zona norte xa ofrece unha imaxe renovada, non só polo graderío senón tamén pola nova conserxaría, integrada baixo unha cuberta de formigón armado que cubre todo o acceso ao estadio.

O proxecto inclúe un terceiro obxectivo, que se acometerá no mes de agosto, e que consiste na urbanización exterior do viario, que se desprazará cara ao norte, acaroado ao peche do parque de bombeiros para gañar espazo para o peón mediante plataforma única e xerar unha zona auxiliar de aparcamento.

Compartir: