A Concellería de Promoción Económica incentiva a actividade das entidades empresariais cunha achega de 60.000 euros
A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de subvencións ás asociacións As Eiroas, Barrio da Milagrosa, CCA e Axober
Luns 3 de agosto do 2020 Carballo ao día
A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión ordinaria de hoxe a concesión de subvencións a entidades empresariais para o desenvolvemento da súa actividade ao longo deste ano. A Concellería de Promoción Económica realizará unha achega total de 60.000 euros, que se reparten do seguinte xeito:
- Centro Comercial Aberto (CCA): 32.489,64 euros para o financiamento da unidade xerencial e as campañas de promoción comercial e fidelización da clientela.
- Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober): 18.370,36 euros para programas de difusión, formación, promoción e apoio ao tecido empresarial e para actividades de formación.
- Asociación As Eiroas de Empresarios e Propietarios do Polígono de Bértoa: 8.288 euros para unha campaña informativa sobre xestión de residuos e o servizo de recollida de cartón e plástico.
- Asociación de comerciantes, hostaleiros e profesionais do Barrio da Milagrosa: 852 euros para unha campaña de fomento da economía do barrio.
En relación coa actividade empresarial tamén foron aprobadas varias licenzas urbanísticas, entre elas a de construción dunha nave para etiquetado de produtos agrarios envasados no parque empresarial de Bértoa e varias de primeira ocupación para outras edificacións realizadas nos últimos meses no polígono.