O Concello inviste máis de 150.000 euros no acondicionamento de case 6 quilómetros de vías de uso agrícola e forestal
As obras, divididas en dous proxectos, lévanse a cabo nas parroquias de Rus, Sofán, Aldemunde e Ardaña
Mércores 5 de agosto do 2020 Carballo ao día
Luis Lamas e Evencio Ferrero, no camiño de Chousas Novas a Calvos
O Concello de Carballo está a realizar un investimento de 153.784,18 euros no acondicionamento de 5.788 metros de camiños de uso agrícola e forestal. As actuacións están divididas en dous proxectos, que se desenvolven nas parroquias de Rus, Sofán, Aldemunde e Ardaña.
Por unha banda, a empresa Excavaciones y Obras Candal ten xa case listas obras de mellora de camiños municipais 2019-2020, que foron adxudicadas por 74.892,18 euros. As actuacións, que visitaron esta semana o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, lévanse a cabo nos camiños de Quintáns (Ardaña) a Gastrar (Rus), Brañas do Carrexal (Aldemunde) e Chousas Novas a Calvos (Rus).
Camiño en Aldemunde
O proxecto está incluído no plan da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para facilitar as tarefas agrícolas e forestais. Neste sentido, os traballos van encamiñados a adaptar o firme ás características do tráfico que soportan os camiños, mellorar a seguridade viaria, a integración ambiental ou a sinalización, mantendo o trazado existente.
Na zona de Quintáns e Gastrar actúase en dous ramais de 300 e 370 metros, que teñen un ancho medio de pouco máis de 2,50 metros, e onde os veciños solicitaron a ampliación ata os 4,50 metros. Na parroquia de Aldemunde melloráronse 500 metros de vía, fóra da zona de protección do dolmen de Pedra Moura. E na parroquia de Rus xa está transitable un treito de 920 metros do camiño de Chousas Novas a Calvos, no que tamén se ampliou a plataforma de 3 a 4,5 metros.
Novas obras en Rus e Sofán
Así mesmo, a empresa Vázquez y Reino está traballando xa no outro proxecto, que foi adxudicado por 78.892 euros e que inclúe a mellora de catro pistas forestais, dúas na parroquia de Rus e outras tantas na de Sofán. Na primeira actuarase en dous treitos de 575 e 250 metros, cun ancho medio de 4 metros, e na segunda serán acondicionados dous ramais de 1.060 e 503 metros, cun ancho medio de 5 metros. As obras inclúen a roza e retirada de vexetación, limpeza de gabias e acondicionamento de terrapléns, e o tratamento da zona de tránsito con zahorra.