Inicio Carballo ao día Hemeroteca Recollidos en menos dun mes 11.100 quilos de...

Recollidos en menos dun mes 11.100 quilos de residuos orgánicos nos colectores do programa “Ti tes a chave”

Continúan con moi boa acollida as campañas a pé de rúa e o número de familias adheridas vai en aumento

Xoves 13 de agosto do 2020 Carballo ao día

En menos dun mes enviamos á planta de compostaxe de Sogama 11.100 quilos de residuos orgánicos recollidos nos colectores do programa “Ti tes a chave”. Ademais, continúan con moi boa acollida as campañas a pé de rúa como as que estamos a realizar coincidindo cos mercados e as feiras, e o número de familias adheridas xa supera as 800, ás que se suman máis de 100 grandes produtores.

O alcalde, Evencio Ferrero, expresou hoxe a satisfacción do goberno municipal coa resposta da veciñanza, á que animou a seguir apostando por un sistema que contribúe á redución das emisións de CO2, garante un fertilizante de calidade coa recuperación dunha práctica tradicional do rural galego e reduce os custos do servizo de recollida de lixo, xa que o canon que pagamos a Sogama polo tratamento da 5ª fracción na planta de compostaxe é inferior ao da bolsa negra.

As persoas que queiran sumarse poden dirixirse ao posto das feiras ou á oficina de Carballo Limpo (galerías da rúa Desiderio Varela, 34) en horario de 10:00 a 14:00. Cada participante recibirá un kit que consta de un caldeiro de 10 litros de capacidade, tres atados de bolsas compostables personalizadas, un tríptico informativo e a chave para abrir os contedores marróns que temos distribuídos por toda a zona urbana. Se na túa rúa tamén fai falta non dubides en pedilo.

Compartir: