A instalación do mobiliario construído polo alumnado de metal e carpintería completa a reforma integral da contorna do Fórum
O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Contratación e Planificación Urbana, Milagros Lantes, comprobaron a mellora do espazo público
Venres 14 de agosto do 2020 Carballo ao día
Evencio Ferrero e Milagros Lantes probaron os novos bancos
Os sucesivos proxectos de reurbanización desenvolvidos na Milagrosa non só contribúen á mellora dos servizos públicos e da calidade urbana nun dos barrios máis dinámicos da nosa vila, senón que tamén se van converter nun escaparate do traballo que se desenvolve de portas para dentro nos talleres da gran casa da formación para o emprego que é o Fórum Carballo.
Estes días estase procedendo á instalación do mobiliario construído polo alumnado do último obradoiro de emprego de carpintería en colaboración do de metal, poñendo en relación diferentes a aprendices de diferentes oficios para conseguir o máximo aproveitamento dende o punto de vista da docencia e da aplicación práctica dos coñecementos adquiridos.
En pouco máis de tres anos realizamos un investimento de máis de un millón de euros no barrio da Milagrosa
O “legado” desas accións formativas está integrado por bancos de diferentes modelos, pérgolas e xardineiras, que, ademais de humanizar as rúas Luís Braille e Xílgaro, axudarán a lembrar o traballo desenvolvido polo alumnado da promoción do 2019. A actuación que temos en marcha, e que, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Contratación e Planificación Urbana, Milagros Lantes, permite avanzar na mellora do espazo público, completarase co acondicionamento do solar municipal cedido no seu día ao Instituto Galego de Vivenda e Solo para a construción dun edificio de vivendas que nunca chegou a materializarse e que agora utilízase como aparcamento.
Despois de urbanizar toda a contorna do CEIP Xesús San Luís Romero entre os anos 2017 e 2018 cun investimento de 515.738 euros, no 2019 seguimos a actuar no barrio da Milagrosa para modernizar os servizos urbanísticos e mellorar a mobilidade e a accesibilidade nas rúas Xílgaro, Luís Braille e Enxeñeiro Barreira, ás que destinamos 379.371 euros. E neste 2020 veñen de rematar as obras das rúas Campo da Feira e Cuco, nas que investimos outros 229.438,25 euros, e que nos permitiron completar a actuación en toda a contorna do Fórum. En total, en pouco máis de tres anos realizamos un investimento de máis de un millón de euros no barrio da Milagrosa.