Inicio Carballo ao día Hemeroteca LIsle Jourdain inspírase en Carballo para...

LIsle Jourdain inspírase en Carballo para impulsar o seu propio proxecto de arte urbana

A nosa vila irmá forma parte dunha iniciativa denominada “Itinerarios artísticos en Pays Portes de Gascogne” xunto a outras localidades da zona

Mércores 19 de agosto do 2020 Cultura

Mural de SupaKitch e Koralie en LIsle Jourdain

Mural de SupaKitch e Koralie en LIsle Jourdain

L’Isle Jourdain é un dos seis concellos da Gascuña francesa que participan no proxecto “Itinerarios artísticos en Pays Portes de Gascogne”, unha iniciativa da asociación cultural Portes de Gascogne na que están implicadas diferentes administracións e que culminará coa creación dunha ruta de arte urbana que unirá as localidades de Beaupuy, Castillon-Savès, Clermont Savès, Pujaudran, Ségoufielle e L’Isle Jourdain. “A iniciativa de Carballo foi un trampolín”, asegura Marie Delpeyroux, presidenta do comité de irmandamento, xa que os intercambios culturais promovidos pola Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain permitíronlles descubrir a arte urbana do noso concello e mesmo participar na elaboración dun mural conmemorativo na rúa Vila de Noia.

Este primeiro proxecto en terras francesas, que rematará no mes de setembro, consiste nunha serie de residencias artísticas cun formato similar ao noso festival Rexenera Fest, de varios días de duración e ao longo das cales se fomenta a interacción entre artistas e público, aínda que, como tamén ocorreu este ano en Carballo, a crise sanitaria obrigou a suspender algunhas das actividades paralelas que estaban programadas.

L’Isle Jourdain é o concello máis implicado no proxecto, xa que ao longo do mes de xullo acolleu tres residencias artísticas que permitiron “derrubar” varios muros con pintura

L’Isle Jourdain é o concello máis implicado no proxecto, xa que ao longo do mes de xullo acolleu tres residencias artísticas que permitiron “derrubar” varios muros con pintura. Comezaron SupaKitch&Koralie, unha parella na arte e na que enche as súas obras de natureza, moitas veces vexetais de formas xeométricas, elegantes e poéticas. Despois pasaron por L’Isle a pintora Virginia Loze, de Toulouse, que adoita crear un mundo de personaxes estraños que revelan a fraxilidade do ser humano, e Pedro, un artista de Nantes que reflexa ao ser humano a través de figuras animais, a modo de fábula pictórica.

Dende a asociación cultural Portes de Gascogne, promotora do proxecto, enténdense a cultura como un vector de desenvolvemento turístico e económico. Ao mesmo tempo, esta experiencia trata de promover unha mobilidade alternativa, e neste sentido destaca a posta en marcha dun servizo de aluguer de bicicletas eléctricas en L’Isle Jourdain para poder desprazarse dunha vila a outra.

Compartir: