O Concello de Carballo está a realizar un investimento próximo aos 300.000 euros na parroquia de Entrecruces
Avanzan as obras da rede de saneamento nos lugares de Taboada e A Granxa, e tamén as de acondicionamento do lavadoiro do Piñeiro da Baixa
Luns 24 de agosto do 2020 Carballo ao día
Evencio Ferrero e Luis Lamas falaron con varios veciños
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, visitaron as obras que se están levando a cabo nestes momentos na parroquia de Entrecruces, na que estamos a realizar un investimento próximo aos 300.000 euros.
A actuación máis importante é o saneamento dos lugares de Taboada e A Granxa, continuando deste xeito coa extensión da rede pola parroquia tras a recente instalación do servizo na Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños. A obra actual, que executa a empresa Excavaciones y Obras Candal cun orzamento de 231.080,81 euros, inclúe a instalación de 846 metros de canalización e 26 pozos de rexistro en Taboada e de 822 metros de tubaxes, 35 pozos e un bombeo na Granxa, ademais da reposición das vías afectadas nos dous casos. Na visita ás obras, que están moi avanzadas e prevese que queden rematadas ao longo do mes de setembro, o alcalde e o concelleiro tiveron a ocasión de falar con varios veciños, que valoraron de forma moi positiva o proxecto en marcha.
Alcalde e concelleiro, no lavadoiro do Piñeiro
No Piñeiro da Baixa tamén están en execución por parte da empresa Vázquez y Reino as obras de reforma e adecuación do espazo público do lavadoiro, cun investimento de 46.827 euros. Esta obra, que ao igual que a anterior foi proposta polo Consello Parroquial, permitirá revalorizar un conxunto etnográfico singular, formado por un lavadoiro e unha fonte, ademais de varios hórreos de titularidade privada.
A estas dúas actuacións en marcha sumarase en breve o aglomerado da estrada da Canosa (Rus) a Pereiro Vello (Entrecruces), que supón unha primeira fase da mellora do acceso á zona alta das dúas parroquias. O proxecto está en fase de licitación e ten un orzamento de 304.445,69 euros.