COMUNICADO DO CONCELLO DE CARBALLO SOBRE A COVID-19
Sábado 29 de agosto do 2020 Carballo ao día
Á vista das numerosas solicitudes de información recibidas sobre a incidencia da COVID-19 no noso territorio, dende o Concello de Carballo queremos trasladar á sociedade a seguinte información:
- A única competencia en materia sanitaria que ten o Concello de Carballo é o mantemento da Unidade de Condutas Adictivas (UCA), malia que, pola natureza do servizo, debería ser, na nosa opinión e tamén na dos profesionais médicos, competencia do Sergas.
- O Concello de Carballo non recibiu en ningún momento, dende a declaración do estado de alarma no mes de marzo, nin un só dato oficial do Servizo Galego de Saúde sobre contaxios ou incidencia da COVID-19 no noso concello.
- Dende a Alcaldía solicitáronse datos en varias ocasións sen obter resposta. O venres pasado, tras ter coñecemento da situación no Concello de Arteixo, de especial preocupación dada a súa proximidade, reiteramos esa petición por escrito ao xerente da Área Sanitaria A Coruña-Cee, para dispoñer de datos periodicamente, preferentemente a diario. No caso de contar con eses datos facilitaríase a incidencia numérica da enfermidade; nunca a identidade das persoas afectadas.
- O Concello de Carballo quere dispoñer de datos para poder adoptar, dentro das súas competencias, as medidas necesarias, pero sobre todo para poder ofrecer ás persoas afectadas o apoio que poidan precisar.
- A COVID-19 é unha enfermidade da que, por desgraza, aínda sabemos menos do que nos gustaría. As persoas afectadas necesitan, en primeiro lugar, asistencia sanitaria, pero tamén precisan da solidariedade de todas e todos. O coronavirus non é un problema individual, senón colectivo, e tampouco é un problema de Carballo ou de Galicia, senón mundial. Actuemos en consecuencia.
- Dende o Concello de Carballo pedimos a toda a veciñanza que extreme as medidas de prevención: hixiene, uso de máscara e distanciamento social. Protexámonos nós e protexamos aos demais.