Primeira xuntanza previa ao comezo do curso entre o Concello e as direccións dos colexios de infantil e primaria
O goberno local únese á solicitude da Fegamp para que a Xunta asuma o sobrecusto da limpeza dos centros directamente ou transferindo os fondos aos concellos
Luns 31 de agosto do 2020 Carballo ao día
A reunión celebrouse no auditorio do Fórum
O goberno municipal de Carballo mantivo hoxe unha primeira xuntanza cos equipos directivos dos colexios de infantil e primaria para abordar as necesidades de cara ao comezo do curso, malia que, polo momento, nin o Concello nin os centros escolares recibiron instrucións concretas da Xunta de Galicia, administración responsable tanto en materia educativa coma sanitaria.
Un dos temas centrais da reunión foi o relativo á limpeza dos colexios, xa que, segundo o protocolo provisional que figura na páxina web da Xunta de Galicia, este curso deberían realizarse tres limpezas en vez de unha ao día. O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, e a de Educación, Mar Eirís, explicaron aos representantes dos centros a situación actual. Precisamente hoxe a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do servizo de limpeza a Aspaber UTE, como consecuencia do proceso de licitación iniciado antes da pandemia e, polo tanto, nun momento no que en absoluto podía preverse a situación actual.
Sobrecusto de máis de 200.000 euros
Máis alá do sobrecusto que suporía o cumprimento do protocolo, estimado en máis de 200.000 euros, por parte de Aspaber, representada tamén na xuntanza de hoxe, que tivo lugar no Fórum Carballo, púxose de manifesto a imposibilidade de asumilo “porque non temos persoal. Ao que nos comprometemos é a intentar adaptarnos e facer a limpeza da mellor maneira posible, utilizando produtos bactericidas, incidindo na ventilación... e procurando que exista unha boa canalización das suxestións ou queixas”, sinalou Dolores Fernández.
Mar Eirís, Milagros Lantes e Evencio Ferrero
Milagros Lantes entregou a cada centro o prego de condicións que, segundo o contrato, debe cumprir Aspaber. O traballo que implica a maiores o protocolo provisional publicado pola Xunta debería ser obxecto dun novo contrato, que levaría consigo unha serie de trámites administrativos imposibles de realizar antes do día 10. Para empezar sería preciso realizar unha modificación orzamentaria, xa que non existe partida para cubrir ese servizo a maiores, e despois habería que licitar o contrato, pero para iso habería que saber por canto tempo, algo que na situación actual é imposible determinar.
Nese sentido, dende o goberno municipal criticouse non só o protocolo, “feito unilateralmente pola Xunta de Galicia sen falar con ninguén”, e contra o cal o grupo municipal do BNG presentará unha moción no próximo pleno, senón tamén a falta de información. A día de hoxe, o Concello de Carballo non ten recibido ningunha comunicación relativa ao comezo do curso escolar. “A preocupación das direccións é unha preocupación compartida polo Concello”, manifestou Mar Eirís, quen reiterou que por parte do goberno local existe a decisión de “axudar en todo o posible”.
O Concello de Carballo pon a disposición dos centros os edificios que poidan precisar para posibles desdobres
O alcalde sumouse ao acordo que vén de adoptar a Fegamp, órgano de representación dos concellos galegos, para que a Xunta de Galicia asuma os sobrecustos da limpeza dos colexios, ben directamente ou ben transferindo aos concellos o financiamento correspondente. Evencio Ferrero criticou que “Galicia foi a única comunidade que non se manifestou a favor dun investimento do Goberno central finalista para educación. A Xunta _engadiu_ mira para arriba e para abaixo, pero cada un ten que asumir as súas responsabilidades. Por exemplo, levamos semanas pedindo datos de incidencia da COVID-19 no noso concello e non os dan, exclusivamente, por estratexia de comunicación. Por lealdade institucional deberían falar cos concellos, non digo que falen con todos pero si coa Fegamp, porque os orzamentos elabóranse dun ano para outro e a finais do ano pasado ninguén podía prever isto”.
A xuntanza asistiron representantes dos centros e de Aspaber
O alcalde manifestou que, malia todo, o compromiso do goberno municipal coa educación “é claro”, e que en función do que determine o protocolo definitivo que debe presentar a Xunta de Galicia celebrarase un novo encontro coas direccións dos centros para intentar acadar a mellor solución posible. Mentres tanto, dende Contratación analizaranse as opcións e a viabilidade da modificación do servizo de limpeza se fose preciso. “Non me parece lóxico estar falando disto a 31 de agosto”, engadiu Evencio Ferrero.
Por parte do Concello de Carballo, ademais, aproveitouse a xuntanza para poñer a disposición dos centros educativos edificios alternativos para realizar posibles desdobres de aulas no caso de que se reduzan as ratios e non haxa espazo suficiente nos colexios.