Telefónica ten previsto dotar de acceso á rede de fibra óptica a máis de 2.300 vivendas do noso concello antes do 2022
As demandas que está a recibir o Concello de Carballo recolleranse nun mapa de necesidades que se trasladará á compañía autorizada para dar o servizo
Xoves 3 de setembro do 2020 Carballo ao día
O plan de despregue de Telefónica prevé dotar de cobertura de fibra óptica a máis de 2.300 vivendas do noso concello antes do ano 2022. Carballo é nestes momentos un dos concellos galegos cunha rede máis extensa, xa que abrangue o 85% do territorio, segundo os datos da propia compañía. Para as zonas que quedan por cubrir, por parte da compañía existe boa disposición a seguir ampliando a rede en función da demanda, e neste sentido o Concello de Carballo fai un labor de canalización das necesidades.
Nos últimos días estamos a recibir numerosas solicitudes. Neste sentido queremos informar de que o Concello de Carballo elaborará un mapa de necesidades que se trasladará á compañía autorizada para dar o servizo. En ningún caso o Concello prestará directamente servizo de telecomunicacións nin fará demandas individualizadas ante o operador telefónico, senón propostas de actuación nas zonas con máis deficiencias. Ante as novas necesidades creadas pola COVID-19 polo teletraballo e o estudo online, dende o Concello insistiremos para que as solucións cheguen á maior brevidade.