CONFIRMADOS 77 CASOS ACTIVOS NO NOSO CONCELLO
O alcalde convoca á comisión de seguimento da COVID-19 para fixar as medidas de actuación ante as novas restricións
Sanidade realizará mañá algo máis de 200 PCR a persoal das áreas de Deporte e Benestar, empregados/as de entidades deportivas e taxistas
Xoves 3 de setembro do 2020 Carballo ao día
Imaxe de arquivo da comisión de seguimento da COVID-19
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, convocou para mañá aos membros da comisión de seguimento da COVID-19 que estivo traballando durante todo o estado de alarma. Ademais do propio alcalde participarán as concelleiras Belén Lendoiro e Milagros Lantes, os concelleiros Luis Lamas e Juan Seoane, un representante da Garda Civil, o xefe da Policía Local, o coordinador de Protección Civil, o informático municipal e o secretario do Concello.
Na xuntanza, prevista para as 12.30 horas, analizarase a situación no noso concello tras o establecemento de novas restricións como medida preventiva ante o incremento de casos positivos de coronavirus rexistrado nos últimos días e a previsión de que sigan aumentando, segundo reflicte na Orde publicada onte no Diario Oficial de Galicia. Por parte do goberno local existe a determinación de adoptar as medidas necesarias, dentro das competencias municipais, para frear a propagación da COVID-19, e nese sentido ofrécese ás autoridades sanitarias a máxima colaboración.
A día de hoxe, segundo confirmou a Xerencia da Área Sanitaria A Coruña-Cee ao alcalde tras numerosas solicitudes de información, hai 77 casos activos no noso concello. “Transparencia é confianza e seguridade”, apuntou Evencio Ferrero tras ter coñecemento dos datos oficiais.
Entre as medidas adoptadas polas autoridades sanitarias no noso concello tamén figura a realización de PCR masivas. Para mañá están previstas algo máis de 200 a traballadores/as das áreas municipais de Deporte e Igualdade e Benestar, persoal contratado de entidades deportivas e taxistas.
Suspensión de actos
As novas restricións establecidas pola Xunta de Galicia motivaron a suspensión de varios actos programados para a fin de semana, entre eles a presentación do libro “Arquitectura e urbanismo. Unha ucronía carballesa”, de Xan Fraga, organizada pola Asociación Cultural Lumieira; o concerto de Sés programado por Orballo Cultural, e as actividades previstas no barrio da Milagrosa coincidindo coa celebración das súas festas. En concreto quedan canceladas a inauguración da exposición fotográfica e as actuacións programadas para mañá. As misas da novena seguirán oficiándose, pero dentro da capela e co aforo limitado ao 50%, como establece a Orde da Xunta.
Dende o Concello de Carballo pedimos a toda a poboación a máxima colaboración para conseguir reducir o nivel de contaxio e que as restricións que entraron en vigor hoxe poidan levantarse o antes posible.