Inicio Carballo ao día Hemeroteca A comisión de seguimento da COVID-19...

A CIFRA DE CASOS ACTIVOS SOBE ATA OS 81

A comisión de seguimento da COVID-19 reactívase para dar resposta ás restricións derivadas da situación sanitaria

Garda Civil e Policía Local traballan de maneira coordinada para velar polo cumprimento das medidas establecidas pola Xunta de Galicia

Venres 4 de setembro do 2020 Carballo ao día

A comisión de seguimento reuniuse hoxe

A comisión de seguimento reuniuse hoxe

A situación sanitaria na que se atopa o noso concello, con 81 casos de COVID-19 activos, segundo os datos facilitados hoxe pola Xerencia da Área Sanitaria A Coruña-Ferrol, obrigou a reactivar a comisión de seguimento que veu funcionando durante todo o estado de alarma e que se manterá mentres sexa preciso. 

O alcalde deu conta dos datos oficiais de casos activos, dos que se dispón dende onte, 3 de setembro, e reiterou a oferta de colaboración do goberno local coas autoridades sanitarias. Nese sentido, o Concello de Carballo xa realizou a convocatoria do persoal de Servizos Sociais, monitores/as deportivos/as municipais e de entidades e taxistas que acudiron hoxe a realizar as PCR no centro de saúde e tamén facilitou a presenza de persoal de Protección Civil. Evencio Ferrero, que tamén quixo achegarse ata o centro de saúde, destacou a boa organización e a rapidez coa que se realizaron as probas, que continuarán nos vindeiros días para traballadores/as doutras áreas municipais.

Na xuntanza de hoxe, á que asistiron membros do goberno municipal, Protección Civil, Policía Local e Garda Civil, abordáronse as cuestións máis inmediatas, entre elas a suspensión dos actos das festas da Milagrosa e a obrigatoriedade de celebrar as misas dentro da capela e con todas as medidas de seguridade, ou a suspensión da feira da Milagrosa do domingo 13 no caso de que se manteñan as restricións actuais, que só permitirán a venda de produtos de alimentación.

A xuntanza celebrouse no salón de sesións

A xuntanza celebrouse no salón de sesións

A Garda Civil e a Policía Local están a traballar xa de maneira coordinada para velar polo cumprimento da normativa vixente nos establecementos de hostalaría, tanto no que respecta a horarios coma á prohibición de consumir nas barras ou á obriga de utilizar elementos de protección.

Precisamente, e con respecto ao uso das máscaras, dende o Concello de Carballo infórmase de que o persoal do Servizo de Axuda no Fogar non prestará asistencia nos domicilios cuxos ocupantes se neguen a utilizar máscaras mentres as/os auxiliares fan o seu traballo. Os Servizos Sociais, en colaboración do Servizo Municipal de Protección Civil, tamén ofrecen ás persoas que o precisen a posibilidade de transportar produtos de alimentación ou medicamentos a domicilio, como se fixo durante o estado de alarma.

Compartir: