Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo reforzará o servizo...

O Concello de Carballo reforzará o servizo de limpeza dos colexios para axustalo ás novas necesidades sanitarias

O goberno municipal segue á espera da comunicación oficial do protocolo por parte da Xunta de Galicia

Venres 4 de setembro do 2020 Carballo ao día

O goberno celebrou esta semana unha xuntanza coas direccións dos colexios e o servizo de limpeza

O goberno celebrou esta semana unha xuntanza coas direccións dos colexios e o servizo de limpeza

O Concello de Carballo axustará o servizo de limpeza dos colexios ao protocolo que estableza a Xunta de Galicia, que polo momento non realizou ningunha publicación oficial ao respecto. O alcalde, Evencio Ferrero, considera que na situación actual non debe primar “o criterio economicista, senón o sanitario e o pedagóxico”, e nese sentido dende o Concello de Carballo adoptaranse todas as medidas precisas para dar resposta ás actuais necesidades sanitarias.

O alcalde quixo deixar constancia hoxe de que modificar un contrato como o do servizo de limpeza require “ter algunha resolución publicada no DOG ou comunicada oficialmente, e a día de hoxe non hai nada publicado sobre a limpeza. Entendemos que hai que adoptar todas as medidas necesarias, pero se iso conleva modificacións contractuais a Administración correspondente debe comunicalo”, sobre todo cando faltan só seis días para que comece o curso escolar. “De feito –engadeu Evencio Ferrero_, o luns pola mañá tivemos unha reunión coas dirección dos centros, e pola tarde xa cambiarán os criterios. Así non se pode. Hai que ter respecto á comunidade educativa e tamén aos concellos. O que queremos saber é cal é o grao de cumprimento que debemos ter”.

Dende o goberno municipal exprésase unha vez máis o respaldo do Concello de Carballo á comunidade educativa, e, nese sentido, o BNG defenderá no pleno do vindeiro luns unha moción de apoio ás ANPA para que o protocolo de inicio do curso teña en conta determinados aspectos que non figuran nos borradores previos, como a redución das ratios por aula.

Compartir: