Inicio Carballo ao día Hemeroteca A recollida de aceite de cociña usado...

SOLICITA UN FUNIL NA CASA DO CONCELLO

A recollida de aceite de cociña usado continúa aumentando e a media mensual sitúase xa nos 1.378,5 quilos

A rede de colectores tamén segue a estenderse. O último acaba de instalarse en Sofán

Luns 7 de setembro do 2020 Carballo ao día

O novo colector está situado preto da farmacia de Sofán

O novo colector está situado preto da farmacia de Sofán

No mes de agosto recolléronse 1.395 quilos nos colectores de aceite de cociña usado distribuídos por todo o concello. A cifra practicamente se corresponde coa media mensual deste ano, que continúa a medrar e xa se sitúa nos 1.378,5 quilos.

Dos oito primeiros meses do 2020 destacan especialmente os incrementos de dous meses: marzo e xuño, con 2.003 e 2.060 quilos recollidos, respectivamente. Estas cifras supoñen máis do dobre dos meses de xaneiro e febreiro (935 e 980 quilos), case o dobre de abril (1.070 quilos) e están moi por riba do resto dos meses (1.220 en maio e 1.365 en xullo).

Nestes momentos hai 29 puntos de recollida, xa que vimos de instalar un novo en Sofán, que se suma aos distribuídos por todos os barrios da zona urbana e tamén por distintos puntos da rural: Razo, Pedra do Sal (Lema), Berdillo, Ardaña, Sísamo, Feira de Berdillo (Artes) e Imende (Noicela).

Unha das vantaxes deste novo sistema é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares.

As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito, desde o Concello de Carballo ofrecemos á veciñanza funís adaptables ás botellas, que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na Casa do Concello (departamento de Medio Ambiente).

Os aceites de cociña son altamente contaminantes. Por cada litro que recollemos evitamos a contaminación de 1.000 litros de auga. Ademais, evitamos problemas de drenaxe nas tubaxes e nos desaugadoiros e avarías nas depuradoras, e reducimos a dependencia de combustibles fósiles, ao poder transformar este residuo en biocombustible ecolóxico, diminuíndo ao mesmo tempo a contaminación atmosférica.

Compartir: