PLENO ORDINARIO
O Concello de Carballo continúa impulsando a actividade no polígono coa bonificación de impostos a dúas novas empresas
A moción do BNG contra o protocolo da Xunta de Galicia para a volta ao colexio contou co apoio do PSOE, mentres que PP e TeGa votaron en contra
Martes 8 de setembro do 2020 Carballo ao día
Imaxe da sesión plenaria do luns 7
A corporación municipal de Carballo aprobou na sesión ordinaria deste luns dúas novas bonificacións de impostos para outras tantas empresas de nova creación no polígono industrial de Bértoa. Metalber Carpintería Metálica, que realizará un investimento próximo aos 900.000 euros, terá unha redución do 95% no ICIO e durante os tres primeiros anos de actividade tamén no IAE e no IBI, mentres que a Transportes y Bombeos Atlántico, que investirá algo menos de 250.000 euros, correspóndelle unha rebaixa do 80% polos mesmos conceptos. O acordo foi adoptado por unanimidade, como é habitual neste tipo de propostas que contribúen á dinamización do noso parque empresarial.
No pleno deste luns, que contou con 20 concelleiros e concelleiras pola ausencia de Miguel Vales, do BNG, tamén saíu adiante a modificación do prezo anual do servizo de recollida de lixo, que se incrementa en 8.000 euros con respecto ao exercicio anterior e sitúase en 714.000. Neste caso votaron a favor o BNG e TeGa, mentres que PP e PSOE abstivéronse.
De novo volveu a unanimidade para aprobar os festivos locais, que, como é tradición, serán o 24 e o 25 de xuño, xa que o ano que vén o día de San Xoán non será festivo autonómico.
No seguinte punto abordouse a moción presentada polo BNG contra o protocolo establecido pola Xunta de Galicia para a volta ás aulas, e que se converteu no centro do debate plenario. O PP presentou una emenda que foi rexeitada, e a proposta do grupo de goberno saíu adiante cos votos a favor do BNG e o PSOE, mentres que PP e TeGa manifestáronse en contra.
No apartado de rogos e preguntas, o goberno contestou tanto ás presentadas por TeGa para este pleno como ás pendentes de sesións anteriores, relativas, entre outros asuntos, á COVID-19, Policía Local, convocatoria do Consello Deportivo Municipal, desenvolvemento do PXOM ou o programa Sempre Carballo.