Este verán reforzamos os labores de posta a punto dos centros escolares para a prevención da COVID-19
A Concellaría de Educación tamén investiu na mellora das instalacións educativas con actuacións como a obra de acondicionamento integral da escola unitaria de Cances
Martes 8 de setembro do 2020 Carballo ao día
Os colexios e as escolas están xa desinfectados
A Concellaría de Educación reforzou este verán os labores anuais de posta a punto dos centros escolares para contribuír á prevención da COVID-19. Nesta liña enmárcanse as accións de desinfección, desinsectación e desratización que se levaron a cabo en todos os colexios e escolas unitarias, xunto coa limpeza dos areeiros ou os controis da calidade da auga, que se realizan periodicamente ao longo de todo o curso.
Pero este ano tamén se acometeron outros traballos a proposta dos equipos directivos, como a apertura dunha nova porta de acceso ao CEIP Bergantiños, que deste xeito contará con entradas diferenciadas para o alumnado de infantil e de primaria como unha medida máis de prevención fronte ao coronavirus. Nesta actuación colaborou o alumnado dos cursos de formación ocupacional que se imparten no Fórum, que ademais da construción da porta do CEIP Bergantiños tamén fixo un novo portalón no CEIP Nétoma-Razo.
No CEIP Xesús San Luís Romero, que xa introduciu o ano pasado o uso de zapatillas entre o alumnado de Infantil despois da instalación de tarima flotante nas tres aulas, amplíase este ano a medida á aula de música e á biblioteca, favorecendo deste xeito que a rapazada use un calzado diferente dentro e fóra do colexio.
Obras en marcha
Novo portal de acceso ao CEIP Bergantiños
Todas estas actuacións forman parte das peticións de arranxos, melloras ou investimentos que recolle todos os anos a fin de curso a Concellaría de Educación, e que, no caso de aquelas de maior envergadura, vanse acometendo en función da dispoñibilidade económica.
Nestes momentos están en marcha dous proxectos que supoñen un investimento superior aos 100.000 euros. Por unha banda estase a traballar nas obras de reforma do pavillón polideportivo do CEIP Fogar coa finalidade de mellorar a accesibilidade e a seguridade dende a rúa, ademais de aproveitar un espazo libre entre a edificación e o muro de peche para a creación dun novo acceso e tamén almacéns. Por outra, ademais de atender esta demanda da comunidade educativa, este curso tamén se dará resposta á petición do CEIP A Cristina, que moi pronto contará con novos aseos no pavillón.
Reforma integral en Cances
Cando se incorporen esta semana, os nenos e nenas de Cances atoparanse cunha escola completamente distinta tras a reforma integral que vimos de acometer, como xa puideron comprobar a concelleira de Educación, Mar Eirís, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, que se achegaron ata a escola para ver o resultado das obras. A actuación, que supuxo un investimento próximo aos 18.000 euros, consistiu na retirada da cortiza das paredes, a instalación de material illante, a pintura, o cambio do solo e a eliminación de barreiras no acceso á aula.
Así de cambiada está a escola de Cances