INSCRICIÓNS EN WWW.SEMPRECARBALLO.GAL
Último día de prazo para a adhesión de empresas ao programa “Sempre Carballo”
Comercio, hostalaría, negocios de estética, fotografía, decoración, deportes ou librarías exemplifican a diversidade dos sectores económicos implicados
Mércores 9 de setembro do 2020 Carballo ao día
Se es autónomo/a ou tes unha empresa en Carballo, lembra que mañá xoves tes a última oportunidade para adherirte ao programa “Sempre Carballo”, unha das iniciativas que impulsamos dende o Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica, para contribuír á reactivación económica local, e que neste caso consiste na entrega, a todos os veciños e veciñas maiores de idade, de axudas directas mediante unha tarxeta-bono pre-pagamento, cargada cun total de 30 €, a consumir en calquera establecemento adherido á campaña.
Como mostra do interese amosado polos beneficiarios potenciais, a día de hoxe, ademais do ámbito do comercio e a hostalería, están adheridas de forma efectiva empresas de estética e perruquería, de fotografía, de decoración e mobiliario, de deportes e librarías, como exemplo da diversidade dos sectores económicos implicados nesta acción.
Pero hai moitos máis que poden participar! A campaña “Sempre Carballo” vai dirixida a persoas físicas ou xurídicas que teñan o seu domicilio fiscal ou que desenvolvan a súa actividade económica no termo municipal de Carballo e que cumpran os seguintes requisitos:
- Que a súa actividade se vise afectada polo peche de establecementos disposto no RD 465/2020 do 17 de marzo que modifica o artigo 10 do RD 463/2020 do 14 de marzo.
- Que dispoñan de Terminal Punto de Venta (TPV) con número de comercio que os identifique no servizo de pagamentos, para a execución das correspondentes operacións efectuadas coas tarxetas.
O prazo de adhesión de empresas remata o 10 de setembro e o de solicitude das tarxetas estará aberto do 15 de setembro ao 15 de novembro
A relación de establecementos adheridos destinatarios das compras ou demanda de servizos por parte das persoas beneficiarias desta tarxeta-bono figurará na web www.semprecarballo.gal xunto co seu enderezo para que as persoas beneficiarias das tarxetas-bono dispoñan en todo momento do listado de participantes.
A tarxeta pode ser solicitada por calquera persoa maior de idade empadroada en Carballo a 31 de xullo, cumprimentando o formulario que estará dispoñible en www.semprecarballo.gal, e terá unha vixencia comprendida entre o día de entrega da mesma e o 30 de novembro, data límite para a súa utilización.
A promoción da economía circular, asegurando o retorno directo nos diversos sectores, o fomento do consumo de proximidade e a oportunidade para a economía local de fidelizar e recuperar clientes están na base deste programa habilitado polo Concello de Carballo como administración máis próxima ao tecido empresarial e que detecta con maior precisión as necesidades das empresas.
Animámosvos a participar activamente nunha acción que terá un efecto beneficioso e multiplicador, revertendo directamente na economía e na calidade de vida de toda a cidadanía de Carballo.