Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero participou nunha xuntanza...

Evencio Ferrero participou nunha xuntanza telemática sobre a COVID-19 co conselleiro de Sanidade e os alcaldes de Bergantiños

Por terceiro día consecutivo, segundo os datos facilitados, no noso concello hai 66 casos activos, entre eles un alumno do CEIP Nétoma-Razo

Luns 14 de setembro do 2020 Carballo ao día

O alcalde, durante a vídeoconferencia de hoxe

O alcalde, durante a vídeoconferencia de hoxe

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, participou este mediodía na primeira xuntanza telemática cos demais rexedores de Bergantiños, o xerente da Área Sanitaria A Coruña-Cee, varios directores xerais e o conselleiro de Sanidade coa finalidade de abordar a situación sanitaria xerada pola COVID-19 na nosa comarca. Segundo os datos facilitados polas autoridades sanitarias, que por primeira vez na pandemia ofreceron cifras de casos activos en todos os concellos da nosa contorna, a día de hoxe en Bergantiños hai 164 casos activos, 66 deles no noso concello.

Nesta cifra, que se mantén por terceiro día consecutivo, figura o caso dun escola do CEIP Nétoma-Razo do que se tivo coñecemento esta fin de semana. Por parte da dirección do colexio activouse o protocolo establecido pola Xunta de Galicia e solicitouse a colaboración do Concello de Carballo para realizar unha desinfección especial tanto da aula do alumno afectado coma dos espazos comúns. A desinfección levouse a cabo o mesmo domingo. A concelleira de Educación, Mar Eirís, está en contacto permanente coa directora do centro por se fose preciso atender calquera outra necesidade.

Dende o establecemento de medidas restritivas nos concellos de Carballo e A Laracha o pasado xoves 3 de setembro, ampliadas posteriormente a Ponteceso e Laxe, na comarca de Bergantiños produciuse un descenso no número de casos activos de 27 persoas, segundo os datos que facilitaron hoxe os responsables da Consellería de Sanidade aos concellos. O novo conselleiro, Julio García, indicou que esta semana volverán a revisarse as restricións vixentes.

Compartir: