SOLICITUDES EN WWW.SEMPRECARBALLO.GAL
A partir do martes 15 de setembro podes tramitar a túa tarxeta-bono “Sempre Carballo” cun saldo de 30 euros
Un total de 272 empresas e autónomos de diferentes sectores están adheridos á campaña, que permitirá inxectar 700.000 euros na economía local
Luns 14 de setembro do 2020 Carballo ao día
A partir de mañá e ata o 15 de novembro podes tramitar a túa tarxeta-bono “Sempre Carballo”. É moi sinxelo. Só tes que entrar na páxina web www.semprecarballo.gal e cubrir un sinxelo formulario cos teus datos persoais. En poucos días recibirás a tarxeta no teu domicilio coas instrucións precisas para activala e un saldo de 30 euros que poderás consumir en calquera dos 272 establecementos adheridos.
A tarxeta vai destinada a todas as persoas maiores de idade con residencia en Carballo anterior ao 31 de xullo deste ano, e só se considerarán válidos os domicilios que coincidan cos datos que constan no Padrón Municipal de Habitantes.
O día 10 pechou o prazo de inscrición para empresas. As únicas condicións que tiñan que cumprir eran que a súa actividade estivese paralizada durante o estado de alarma e dispoñer de TPV para poder realizar os cobros no momento da compra. Finalmente serán 272 as participantes, na súa maioría comercios e hostalaría, pero tamén hai empresas de estética e peiteado, clínicas dentais, de fisioterapia ou de podoloxía, moblerías... Mañá publicarase na páxina web www.semprecarballo.gal a listaxe completa.
O prazo para consumir o crédito da tarxeta, que non se pode recargar e que deberá ser utilizada exclusivamente pola persoa titular, rematará o 30 de novembro. O obxectivo do programa, impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica, é revitalizar a economía local cunha inxección directa de 700.000 euros nas empresas carballesas e fomentar o consumo no propio concello.